Galicia pecha outubro con 2.700 persoas paradas máis tras destruír case 3.300 empregos

Dous operarios manexan guindastres nunha obra CC-BY-SA Xunta

O paro rexistrado medrou en Galicia en 2.705 persoas no pasado outubro, o que supón un incremento do 2%, un chisco superior ao do conxunto do Estado (+1,3%). A cifra total de persoas desempregadas (133.348) é, no entanto, a máis baixa nun mes de outono en 27 anos e supón que hai 10.372 menos apuntadas nas oficinas de emprego que hai un ano. 

A fin dos últimos contratos da campaña de verán e doutros de tipo estacional como os da vendima provocan este aumento do paro, pero tamén a destrución de emprego. Así, o número medio de afiliacións á Seguridade Social no pasado mes diminúe en 3.259 persoas respecto ao anterior e cae en 7.638 se temos en conta o dato do último día de outubro. 

Galicia destrúe 3.259 empregos no mes de outubro, no que o paro subiu en 2.705 persoas

Con todo, Galicia mantén o número de afiliacións por riba do millón de persoas, con 1.067.853, sendo o mellor dato nun mes de outubro desde a crise de 2008. 

Así, no país están no desemprego 55.049 homes (1.706 máis que en setembro) e 78.299 mulleres (999 máis). Malia que o desemprego masculino medra máis —3 %, fronte a un 1,2 % feminino—, as mulleres representan aínda seis de cada dez persoas paradas.

Ademais, o paro medra en todos os sectores de actividade, agás na construción onde se reduce en 33 persoas. Nos servizos —como era de agardar logo da fin do verán— hai 2.272 desempregadas máis, 162 no sector primario e 56 na industria. O colectivo sen emprego anterior crece tamén en 248 persoas.

No que ten que ver coa contratación, en outubro fixéronse 64.527 contratos en Galicia (-8,1 %), dos que 42.727 foron temporais e 21.800 indefinidos. Así, o emprego indefinido redúcese nun 1,1 % e o temporal faino un 11,3 %. ç

En Galicia, 34 de cada 100 contratos asinados no mes de outono foron indefinidos

Deste xeito, 34 de cada 100 contratos asinados en Galicia son indefinidos, cando antes da reforma laboral esta porcentaxe era de 10 de cada 100. Aínda así, o dato é peor que o do conxunto do Estado, onde son xa fixos o 44% dos contratos rexistrados. 

Desde a Xunta, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destaca que a cifra de desempregados é a máis baixa  nun outubro desde que hai rexistros e que Galicia é a cuarta comunidade na que máis baixa o paro en número de persoas con respecto de outubro de 2022.  

“Un mes máis é de destacar a evolución do desemprego nos colectivos prioritarios para as nosas políticas de emprego”, indicou a conselleira, quen apuntou que o número de desempregadas mulleres e menores de 30 anos é o mínimo nun outubro e que o paro de longa duración amosa o mellor comportamento para este mes en 15 anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.