A delegación da Sociedade Irlandesa de Organizacións Cooperativas veu para coñecer as prácticas que as cooperativas galegas empregan para incentivar a incorporación da mocidade e das mulleres
A Asociación Galega de Cooperativas Agro-alimentarias (Agaca) recibiu a unha delegación de mozos e mozas gandeiras que forman parte da Sociedade Irlandesa de Organizacións Cooperativas (ICOS polas súas siglas en inglés) dentro dun proxecto para ampliar aprendizaxes no seu desenvolvemento profesional.
Cinco xóvenes gandeiros sector leiteiro, un produtor de carne e un técnico especializado en gobernanza, lexislación e desenvolvemento cooperativo do colectivo irlandés visitan Galicia dentro do proxecto que ICOS Skillnet, que neste caso tiña como obexctivo principal coñecer as prácticas que as cooperativas galegas empregan para incentivar a incorporación da mocidade e das mulleres ao sector, ademais de informarse sobre o sistema de gobernanza.
A delegación irlandesa de gandeiros acudiu ás instalacións de Clun en Ames, onde se reuniron coa vicepresidenta da entidade, Carmen Rodríguez –quen tamén é presidenta de Agaca–, e cunha delegación de Mulleres de Seu, a agrupación de mulleres de Clun, pois a visita centrouse nas estratexias que empregan para conseguir maior participación feminina na cooperativa. Nesta visita tamén tiveron a oportunidade de desprazarse ata Mazaricos, á gandería Sar de Serráns, que produce leite da gama premium de Clun.
En Taboada visitaron a cooperativa Aira da man do seu presidente, José Manuel Tellado –vicepresidente de Agaca– e do seu director xeral, Daniel Ferreiro, que lles explicaron os servizos e o funcionamento da entidade. Ademais, puideron coñecer a gandería leiteira Novoa S.C.
Nun encontro máis técnico, Miguel Sáenz de Viteri, asesor legal de Agaca, e Higinio Mougán, director-xeral da entidade, trasladáronlles os aspectos normativos e de gobernanza fundamentais para as cooperativas do sector agrogandeiro galego. Pola súa banda, Gabriel Trenzado, director xeral de Cooperativas Agro-alimentarias de España, resumiulles a situación do sector a nivel estatal. E con Bernadette Fernández, técnica do departamento de calidade de Agaca, repasaron as diferentes certificacións e procesos de auditoría que poden cumprir as granxas galegas.