Iberdrola confirma o peche do centro de control da Rúa e a destrución de doce empregos en Valdeorras

Instalacións de Iberdrola na Rúa CC-BY-NC-SA CIG

Logo do anuncio de Naturgy da súa decisión de centralizar en Madrid o control da rede eléctrica galega e destruír 28 empregos na Coruña, agora é outra enerxética, desta vez Iberdrola, quen confirma o peche do Centro de Operación de Cuenca (COC) do Sil, na Rúa, así como do resto de instalacións deste tipo existentes no Estado.

Iberdrola pecha o Centro de Operación de Cuenca do Sil na Rúa e traslada doce traballadores a Salamanca

A decisión supón a perda de doce empregos na comarca de Valdeorras, logo de que a compañía confirmase o pasado día 10 que o vindeiro 6 de abril comezará a funcionar o Centro de Operación Hidráulico (COHI) de Salamanca, onde se centralizarán as actividades e que suporá o peche de catro centros no conxunto de España, incluído o da Rúa, segundo asegura a CIG. 

Mobilización contra o peche do COC Sil na Rúa CC-BY-NC-SA CIG

Iberdrola, pola súa banda e en declaracións a SomosComarca, negou o peche da oficina da Rúa e advertiu de que só se levará a cabo o traslado de 12 persoas dun departamento determinado a Salamanca, mentres que na Rúa seguirán traballando 40 persoas, que se unen ás "máis dun cento" que a empresa ten noutras localidades da comarca de Valdeorras. 

A CIG denuncia que o peche é "consecuencia da falta de política industrial e enerxética por parte da Xunta"

CIG-Industria, que anima a participar nas vindeiras mobilizacións contra o traslado das instalacións, denuncia que o acontecido co COC do Sil é "consecuencia da falta de política industrial e enerxética por parte da Xunta" e constitúe “un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos”

Así, lamentan que o Goberno galego permita o traslado destas instalacións fóra do país, “mentres Iberdrola segue a aproveitarse da explotación dos recursos naturais públicos e a ignorar o forte impacto que isto supón nunha comarca rural como a de Valdeorras". "Aínda por riba esta compañía vai optar a conseguir máis megavatios de enerxías renovábeis aquí”, asegura a central nacionalista. 

Nesta mesma semana, o Parlamento galego rexeitou de maneira unánime o traslado deste centro de operacións do Sil a Salamanca ao apoiar unha iniciativa do PSdeG defendida pola deputada Marina Ortega, que pediu á Xunta "estar á altura" para "evitar perder traballo no rural máis despoboado". "Non podemos permitir perder nin un só posto de traballo", dixo, nunha comarca "afectadísima polo despoboamento". 

Os plenos do Parlamento de Galicia, Deputación de Ourense e Concello da Rúa rexeitaron por unanimidade o traslado do COC Sil a Salamanca

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurara días atrás que non estaba de acordo coa decisión de Iberdrola pero aclarara que a enerxética só pecha un departamento e non a oficina que mantén na comarca. 

Xa antes, tanto o pleno da Deputación de Ourense como o do Concello da Rúa amosaron tamén de xeito unánime o seu rexeitamento á decisión de Iberdrola.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.