Márketing e xestión comercial en internet, perfís laborais máis demandados na formación do plan 'Reiníciate' para a mocidade de Lugo

Mocidade participante nunha acción formativa para ao emprego promovida pola Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo no verán de 2020 © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-reiniciate-84281e7.jpeg

Formación gratuíta e prácticas remuneradas no eido da comunicación dixital e das accións comerciais na internet para favorecer a inserción laboral da mocidade en situación de desemprego. Nisto consiste o 'Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. Reiníciate: enfoca o teu futuro', que están a desenvolver na Deputación de Lugo conxuntamente coa Escola de Organización Industrial (EOI). 

Un programa que forma parte do 'Plan de Impulso da Economía' lanzado pola Deputación para impulsar a reactivación do tecido produtivo co impacto da pandemia da COVID. Destinado a máis de 400 mozos e mozas, de entre 16 e 30 anos, dos 67 concellos da provincia de Lugo, que estean inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Cun orzamento de máis dun millón de euros financiado entre o ente provincial e a EOI a través do Fondo Social Europeo.

Presentación das axudas a empresas polas prácticas remuneradas dentro do programa de inserción de emprego CC-BY-SA Deputación de Lugo

O programa formativo 'Reiníciate' da Deputación de Lugo e a EOI diríxese á mocidade de 16 a 30 anos co obxectivo de "darlles ferramentas para atopar traballo" mediante "formación especializada nos ámbitos que máis se reclaman no mundo laboral"

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o director do departamento de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, destacan que continúa aberto o prazo de inscrición para a mocidade lucense. "O obxectivo é darlles ferramentas para axudarlles a encontrar traballo ofrecéndolles para iso formación especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”, explica José Tomé

A dixitalización e a Administración electrónica protagonizan estas formacións. Os contidos das 23 accións centraranse nos perfís de community manager e márketing dixital, xestión informática para Pemes e asociacións, xestión informática para subvencións e licitacións públicas, xestión comercial,  redes sociais e ciberseguridade. O programa busca ofrecer unha formación que responda á necesidade real de perfís profesionais que se están demandando no mercado. 

Cada mes inícanse catro novas formacións. En abril e maio centraranse en áreas como a xestión comercial e redes sociais, informática para pequenas e medianas empresas ou xestión de licitacións públicas

Por iso, a previsión da Deputación de Lugo é que a inserción laboral deste programa sexa dun 25% dos participantes como mínimo. O que suporía que un cento de mozos e mozas consiga un emprego ao rematar esta experiencia, que inclúe ata tres meses de prácticas non laborais que serán remuneradas. Desde o ente provincial inciden en que 'Reiníciate' poder ser un revulsivo para o rural, xa que achega servizos públicos e abre novas oportunidades laborais para a xente nova. 

As formacións inclúen parte teórica e práctica, e contan cun total de 159 horas, que se dividen en clases de catro horas ao día. Estanse a impartir de maneira semipresencial, co obxectivo de facilitar que o alumnado poida recibir formación dende calquera punto da provincia, dándolles un trato personalizado e fomentado o traballo en equipo. Cada mes inícianse catro novas formacións, en abril e maio as accións centraranse nas ramas de xestión comercial e redes sociais, community manager e márketing dixital, xestión informática para Pemes e asociacións, e xestión informática para a licitacións públicas. 

O programa inclúe unha liña de axudas a empresas para que a mocidade formada no programa poida acceder a prácticas remuneradas

A respecto das prácticas, a Deputación e a EOI veñen de abrir unha liña de axudas para empresas e asociacións por 210.000 euros para que conten con estes mozos e mozas en réxime de prácticas non laborais remuneradas. Poden optar a esta convocatoria todas aquelas empresas de calquera sector, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo. 

As rapazas e rapaces que despois da formación accedan a estas prácticas de tres meses cobrarán uns 700 euros ao mes durante este período. Para anotarse, tanto a mocidade interesada como as empresas e colectivos abertos a participar, toda a información está no sitio web de 'Reiníciate'

Entre as formacións dispoñibles está o curso de técnico de xestión da transformación dixital, o de programación de apps en Android e iOS, un sobre blockchain, de técnico de creación de chatbots, de impulsor de economía verde e circular, e de ecoturismo, entre outros.

Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. Reiníciate: enfoca o teu futuro CC-BY-SA Deputación de Lugo/EOI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.