Moratorias, accidente laboral do persoal sanitario ou telecomunicacións: as novidades do BOE polo coronavirus

Profesionais sanitarios nun hospital galego © Xunta

O novo decreto de medidas económicas e sociais aprobado este martes polo Goberno central amplía novamente a vixencia de diversas decisións tomadas para paliar o efecto da crise sanitaria

O Goberno central publica este mércores no Boletín Oficial del Estado (BOE) un novo decreto, aprobado este martes no Consello de Ministros, no que se amplía a vixencia e o ámbito de actuación de diversas medidas económicas e sociais tomadas para paliar o efecto da crise sanitaria. Estas son as principais novidades:

  • Moratoria de impostos e préstamos: O decreto amplía un mes, dos tres aos catro meses, o prazo de carencia (sen intereses) para que autónomos e pequenas e medianas empresas fagan fronte ás súas obrigas tributarias. Tamén permite que aquelas sociedades que non puideron presentar a declaración do Imposto de Sociedades por non pechar o exercicio 2019 poidan facelo coas contas que teñan dispoñibles. Igualmente, incentívanse as moratorias en préstamos hipotecarios e non hipotecarios por parte das entidades de crédito.

 

Cadea de montaxe de PSA, afectada por un ERTE durante a crise do coronavirus © PSA Groupe
  • Fraccionamento e aprazamento de débedas nos servizos de telecomunicacións: Mentres se manteña o estado de alarma os operadores non poderán cortar os servizos aínda que o usuario non pague e posteriormente deberán ofrecer fraccionamentos e aprazamentos de débedasata tres meses despois de que finalice o estado de alarma. Ademais, volve facilitarse a portabilidade ou cambio de compañía mantendo os números, que se restrinxira ao comezo do estado de alarma para evitar desprazamentos de usuarios ou técnicos e facilitar que as compañías informasen ao Goberno dos movementos da poboación.
  • A COVID-19 é considerada accidente laboral para o persoal sanitario: As persoas traballadoras en “centros sanitarios ou sociosanitarios” afectadas polo virus seán consideradas vítimas de accidente laboral a efectos das prestacións a cobrar. “Nos casos de falecemento, considerarase que a causa é accidente de traballo sempre que o falecemento se producise dentro dos cinco anos seguintes ao contaxio da enfermidade e derivado da mesma”, di o BOE.
  • Prórroga de permiso de traballo no campo: O BOE amplía ata o 30 de setembro as facilidades de contratación temporal no sector agrario establecidas a comezos de abril e que remataban o 30 de xuño e flexibiliza os prazos para que mozos estranxeiros traballadores do sector poidan pedir o permiso de residencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.