Cumprindo prazos in extremis, hoxe bota a andar o banco malo, a sociedade xestora de activos tóxicos da banca rescatada, bautizado oficialmente como Sareb. Unha das condicións impostas desde Bruxelas para gozar do auxilio europeo era a de culminar a restruturación financeira a 31 de decembro, pondo en marcha este enorme colector de créditos inmobiliarios e pisos embargados que terá que xestionar a entidade durante un prazo máximo de quince anos.
A precipitación coa que se levou a cabo a parte final do proceso deixa moitos cabos soltos, como a entrada de máis investidores internacionais, ou a dotación de persoal que xestione estes activos. A estrutura da sociedade, que terá un tamaño de até 55.000 millóns de euros, é practicamente nula. Dous pisos no paseo da Castellana en Madrid, un puñado de empregados e uns conselleiros nomeados ás carreiras. O xusto para cumprir os mínimos legais para constituír unha sociedade. Nin sequera fixo públicos uns estatutos e está por ver como será a súa web, xa que os dominios máis lóxicos xa foron rexistrados por terceiros.
Un dos principais elementos que bordea a legalidade vixente da nova sociedade é a patente ausencia dun equilibrio entre homes e mulleres no consello de administración, tal e como esixe a Lei de Igualdade en vigor
Pero un dos principais elementos que bordea a legalidade vixente da nova sociedade é a patente ausencia dun equilibrio entre homes e mulleres no consello de administración, tal e como esixe a Lei de Igualdade en vigor. O órgano reitor está composto por quince membros, e só dous son mulleres, precisamente os que lle tocou designar á parte pública da sociedade (cun 45% sobre o papel), representada polo Frob. Un destes dous postos está ocupado pola presidenta, Belén Romana. Ademais de Romana, Ana María Sánchez Trujillo tamén sentará no consello que decidirá como xestionar o lixo dos bancos en problemas.
Os investidores privados nomearon outros seis conselleiros, coñecidos como dominicais porque se supón que representan os intereses dos accionistas de referencia no consello, todos homes e con experiencia en banca ou en inmobliarias. Ademais, nomeáronse outros cinco conselleiros independentes. A estes conselleiros supónselles independencia dos accionistas maioritarios e son designados nas sociedades para que velen polos intereses dos minoristas. Polo de agora, só transcendeu que os soldos destes conselleiros irán desde os 100.000 euros aos 500.000 euros que se embolsará a presidenta, Belén Romana.
Quen é quen no banco malo: Conselleiros dominicais públicos
Polo de agora, só transcendeu que os soldos destes conselleiros irán desde os 100.000 euros aos 500.000 euros que se embolsará a presidenta, Belén Romana
Belén Romana, presidenta. É a cara amable, nova e feminina da entidade. Nada en 1965, é técnico comercial do Estado, a categoría máis de moda no Executivo de Rajoy. Foi directora do Tesouro nos dous primeiros anos do Goberno de Zapatero. Desde 2005 está ligada á patronal, con diferentes cargos no lobby empresarial Círculo de Empresarios, onde chegou a ser secretaria xeral en 2010. Sentou en varios consellos de administración, pero o único ligado ao sector financeiro foi o de Banesto. Foi a candidata do Goberno de Rajoy para ocupar unha cadeira no BCE pero o seu nomeamento foi rexeitado e España quedou sen cadeira na institución.
Walter de Luna, director xeral. Tamén novo (1964) é doutor en Economía e Finanzas pola Universidade Complutense pero traballou doce anos na sección inmobiliaria do banco holandés ING.
Ana María Sánchez Trujillo. A outra muller do banco malo responde o perfil do que se coñece como tecnócrata. Esta madrileña nada en 1946 foi conselleira do Banco de España baixo a dirección de Miguel Ángel Fernández Ordóñez. Desenvolveu toda a súa carreira dentro do supervisor español, pasando por distintos departamentos dentro do Banco de España. É unha profesional 100% da casa.
Rodolfo Martín Villa. É o nomeamento máis polémico do consello. Nacido en 1934, ocupou varios altos cargos durante o réxime franquista. Chegou a ser o responsable do sindicato vertical do Movemento en 1969. En 1974 foi nomeado xefe do Movemento en Barcelona e delegado do Goberno. Na Transición foi ministro de Relacións Sindicais con Arias Navarro pero foi con Adolfo Suárez co que desempeñou o cargo de ministro de Gobernación. Del dependían por tanto, a represión das protestas estudantís ou as negociacións con ETA. Con Leopoldo Calvo Sotelo tomou a carteira de Administración Territorial, e con el chegou a ser vicepresidente do Goberno. Unha vez disolta UCD, entrou a formar parte do Partido Popular. No ámbito empresarial, foi presidente de Endesa, cando a eléctrica era pública, e deulle a substitución a Manuel Pizarro tras a privatización. Entre 2004 e 2010 foi conselleiro de Sogecable.
Conselleiros dominicais privados
Remigio Iglesias. Considerado por moitos como un dos principais homes de confianza de Emilio Botín, leva 22 anos traballando no Banco Santander. Precisamente, desde que comezou a crise foi posto á fronte do departamento de recuperación de activos. Como director adxunto de Santander, deu o visto e prace a unha das estratexias máis agresivas do banco: premiar os empregados que lograsen vender un piso embargado cun 1% do seu valor. Tamén é conselleiro de Metrovacesa desde que os bancos tomaron o control da inmobiliaria.
Antoni Massanell. É o conselleiro de CaixaBank, o banco creado pola Caixa, desde o seu nacemento en 2011. Este catalán nado en 1954 é tamén vocal do consello de administración de Telefónica e foi conselleiro en varias empresas con participación da caixa catalá. Preside Port Aventura. Segundo recolle a revista Forbes, en 2011 ingresou 200.000 euros polo seu traballo na entidade financeira.
Francisco Sancha. Un dos mozos do equipo, con apenas 43 anos, desenvolveu toda a súa carreira no Banco Popular, onde agora ocupa o cargo de secretario xeral técnico e que o nomeou conselleiro.
Miquel Montes. Director xeral de Banco Sabadell, este barcelonés de 52 anos pilotou todas as fusións da entidade, incluída a última da CAM. A súa vida profesional estivo ligada ao mundo financeiro.
Antonio Trueba Bustamante. Directivo de Tinsa, a sociedade taxadora máis importante de España. Ademais desempeñou cargos en Gecina (a inmobiliaria francesa), Parquesol, Reyalurbis... É presidente da Fundación Másfamilia, unha organización sen ánimo de lucro que pretende reforzar a familia dentro da organización empresarial. Pertence á alta sociedade madrileña.
José Ramón Montserrat. Conselleiro de Microbank, o outrora brazo social da Caixa. Malia chegar a ser director xeneral da Caixa, é un dos conselleiros con menos perfil público.
Conselleiros independentes
Javier Trillo. Este conselleiro independente é notario e recoñecido no sector pola súa postura crítica co actual statu quo do seu gremio.
Luís Sánchez Merlo. Nado en Valladolid en 1947, é un deses personaxes recoñecidos como figura clave da Transición. Foi nomeado secretario xeral de Leopoldo Calvo Sotelo en 1978. Recentemente contou como viviu o 23-F no Congreso. O seu último treito de vida profesional desenvolveuno en Ses Astra, a operadora de satélites.
Celestino Pardo. Rexistrador e doutor en Dereito, apenas ten repercusión pública.
José Ramón Álvarez Rendueles. Este xixonés nado en 1940 é tamén membro do Corpo de Técnicos Economistas do Estado. Comezou a despuntar xa con altos cargos no Ministerio de Economía aínda baixo signo franquista, pero foi realmente na Transición cando adoptou un rol determinante como gobernador do Banco de España entre 1978 e 1984. Posteriormente estivo ligado á empresa privada con postos como presidente do grupo Arcelor.
Emiliano López Atxurra. Este avogado vasco foi conselleiro en BBK, entidade da que é matriz Kutxabank, un dos accionistas de referencia do banco malo. A teoría é que os conselleiros independentes non deben ter intereses cos accionistas maioritarios.