O BNG esixe a comparecencia de Rajoy para que explique "o escándalo financeiro" de Bankia

Jorquera, nun acto na Coruña sobre a banca pública CC-BY-NC-SA BNG

Que Mariano Rajoy compareza “de inmediato” no Congreso. O deputado do BNG, Francisco Jorquera, fixo esa esixencia ao presidente do Goberno para que dea explicacións sobre o que considera “o escándalo financeiro” de Bankia, así como a súa situación actual e as medidas que adoptará o Executivo ante a crise bancaria. O candidato nacionalista á Xunta rexeitou tamén “unha proposta trampa”, a que segundo el agocha a hipotética integración de Novagalicia Banco (NCG Banco) no gran público que “insinuou” o ministro de Economía, Luis de Guindos.

Con esta claridade se amosou Jorquera durante unha xuntanza con axentes sociais onde volveu defender a súa proposta dun “auténtico” banco público “con vocación de permanencia” e que non se limite a "socializar as perdas", tal e como, segundo el, fai o Goberno central, senón que actúe como instrumento clave á hora de impulsar a economía produtiva.

"É un auténtico escándalo, o maior burato financeiro da historia"

O deputado no Congreso teimou en denunciar o "auténtico escándalo financeiro" que vive o sistema financeiro estatal da man de Bankia e advertiu de que "o maior burato financeiro da historia" do Estado español precisará mobilizar 23.500 millóns de recursos públicos para "sanear" a entidade. Ademais, alertou de que "aumentará a burbulla da emisión público" logo de que a prima de risco superase a barreira psicolóxica dos 500 puntos.

Jorquera tamén pide a comparecencia de Esperanza Aguirre e Rodrigo Rato

Respecto a unha hipotética comisión de investigación para analizar a crise bancaira e financiera, e á que xa se negou Rajoy e coa que o PSOE tampouco está de acordo, Jorquera lembrou que o BNG rexistrou xunto con outras forzas na Cámara a solicitude para coñeer as prácticas de "exposición extrema" á burbulla inmobiliaria e para depurar eventuais responsabilidades políticas e doutra índole. "É imprescindible que se constitúa esta comisión", sentenciou o deputado do BNG, quen tamén pediu a comparecencia de Esperanza Aguirre, con "responsabilidades políticas evidentes en Caja Madrid", e a do expresidente de Bankia, Rodrigo Rato. "Deben dar contas á sociedade", manifestou o portavoz nacionalista, convencido de que así se poderá determinar se hai outro tipo de responsabilidades.

“A participación do capital do Estado nas entidades debe levar á adquisición de dereitos políticos por unha porcentaxe equivalente a capital adecuado para que as entidades se convertan en bancos públicos útiles para o financiamento da economía produtiva", sinalou. 

O PSdeG insiste nun trato idéntico para NCG Banco e pide que compareza Feijóo

Por outra banda, o PSdeG reclamou a Alberto Núñez Feijóo que compareza na Cámara de maneira "urxente" para explicar a posición política do seu goberno ante "o novo escenario" que abre "o rescate de Bankia", a fin de que Novagalicia Banco logre "o mesmo nivel de salvamento".

O voceiro parlamentario, Abel Losada, compara os "elevados intereses" que pagará NCG polo préstamo do FROB co feito de que Bankia non terá que devolver "nada" dos 19.000 millóns de euros que lle achegará o Estado. É o que dixo, como sinalou Losada, "o novo portavoz do Goberno", en alusión ao presidente da entidade madrileña, José Ignacio Goirigolzarri.

É por iso que os socialistas insisten en que Novagalicia reciba "o mesmo modelo", como xa demandou a Generalitat para Catalunya Caixa. "Que veña Feijóo ao Parlamento para formalizar a petición de igualdade de trato", reiterou o portavoz dos socialistas no Pazo do Hórreo.

"NCG é máis importante para Galicia que Bankia para España"

“Non vale argumentar que Bankia é demasiado grande para deixala caer”, dixo Losada, que aclara que NCG Banco é “máis importante para Galicia que Bankia para España”. “É a que ten maior cota de negocio no seu ámbito territorial", finalizou.

Mentres, Pedro Puy, voceiro do PPdeG no Parlamento, alégrase de que o PSdeG “coincida cos populares unha vez máis”. “O presidente da Xunta xa pediu en reiteradas ocasións o mesmo tramento que se lles dá a outras entidades”, dixo, tras aclarar: “En Bankia entrada de capital público non é un préstamo, non hai que devolvelo, o retorno dependerá da capacidae de xestionar do propio estado. NCG Banco xa ten unha participación maioritaria do Estado e ao respecto seguimos confiando que poida manterse como entidade independente, xa con capital público... Se é necesario reforzalo a nós parécenos ben a entrada de capital privado qe poida reforzarse con público”.

“Non queremos ningún trato discriminatorio entre entidades pola súa orixe”, engadiu Puy, que prometeu “analizar as solicitudes e comparecencia co máximo respecto e co máximo afán construtivo”. “As comparecencias do goberno establéceas o Goberno, a oposición ten os seus mecanismos para coñecer a opinión do Goberno”, finalizaou.

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.