O conflito da limpeza en Correos chega ao Congreso: o BNG pide rescindir o contrato e acabar co "abuso laboral"

Mobilización de persoal de limpeza de Correos na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

O conflito no servizo de limpeza de Correos en Galicia chega ao Congreso e ao Senado. O portavoz do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, e a senadora nacionalista, Carme Da Silva, veñen de presentar iniciativas parlamentares para urxir á sociedade estatal a "pór fin á situación de precariedade laboral das traballadoras da limpeza" da empresa postal e a "rescindir o contrato coa empresa adxudicataria Limpiezas Córdoba por incumprimento do prego de contratación".

Desde o pasado 4 de setembro, as traballadoras de limpeza de Correos en Galicia están en folga. Acumulan impagos e cinco meses sen cobrar: os salarios de xullo e agosto e a paga extraordinaria que lles debe a empresa subcontratada, mais as tres mensualidades que non percibiron por estaren en paro indefinido. 

Carme da Silva e Néstor Rego, ás portas do Congreso en Madrid CC-BY-NC-SA BNG

Rego e Da Silva (BNG) presentaron iniciativas no Congreso e no Senado para urxir a Correos a "pór fin á precariedade laboral das traballadoras" e a rescindir o contrato coa adxudicataria

Son as arredor de 300 as persoas afectadas en Galicia, a inmensa maioría mulleres, persoal desta polémica empresa, adxudicataria desde o pasado xaneiro do servizo de limpeza das oficinas de Correos nas catro provincias galegas e en varias máis de todo o Estado. Limpadoras traballando por horas, con soldos "precarios, que non chegan ao salario mínimo", que acumulan uns 150 días sen soldo e que denuncian graves situacións de precariedade e problemas físicos e psicolóxicos.  

Agora, desde o BNG denuncian que a empresa concesionaria do servizo xa iniciou a súa actividade "incumprindo as condicións tanto no relativo á dotación de material para realizar a limpeza como no concernente aos dereitos laborais das traballadoras e traballadoras". "Levan cmeses sen cobrar as nóminas e tras moitos actos de protesta víronse obrigadas a secundar unha folga indefinida para reclamar o pagamento dos seus salarios e que se rescinda o contrato coa devandita empresa", lembra a formacións nacionalista.

O Bloque lembra que a subcontrata acumula meses de impagos e incumpre o prego de condicións

Rego e Da Silva consideran que “este abuso laboral é inadmisíbel no espazo dunha Administración pública, que non debería tolerar estes tipo de situacións de malos tratos laborais nun servizo externalizado, pero que se leva a cabo en dependencias públicas e baixo un contrato coa Administración”.

Así, o Bloque defende que o lóxico é que sexan "públicos e de xestión directa" todos os servizos relacionados coa Administración pública. Mais, en todo o caso, apela á responsabilidade de Correos e lémbralle que "un organismo público debería rexerse por un código ético, laboral, ambiental e sostíbel nas súas contratacións". “É obriga da sociedade pública revisar as propostas das diferentes empreses, a súa solvencia, historial, os seus antecedentes e optar por ofertas serias e viábeis”, advirten. 

Mobilización de persoal de limpeza de Correos CC-BY-NC-ND CIG

O conflito está enquistado e unha folga de persoal de Correos ameaza xa o servizo postal en Galicia

O BNG reprocha á entidade pública que "primase un criterio economicista" no canto de coidar as relacións laborais porque “en caso de problemas coa contrata as consecuencias sempre as paga a parte máis feble que son as traballadoras”.

Ademais, urxen a Correos a solucionar este problema canto antes porque “a situación é xa insostíbel para este colectivo que non pode facer fronte aos mínimos de subsistencia". "Igualmente insostíbel para  o persoal de Correos que está a desenvolver os seus traballos nunhas condicións de insalubridade e sucidade intolerábeis”, lembran. 

De feito, as condicións nas que algúns traballadores desenvolven o seu labor levou á convocatoria de folga indefinida desde este domingo 3 de decembro por parte da CIG e da CGT no Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Santiago, por onde pasa toda a xestión dos envíos no país e o máis importante do noroeste peninsular xunto ao de Valladolid. O paro, no caso de que fose importante, poría en perigo os envíos postais en toda Galicia

Por último, o BNG entende que Correos "non pode seguir alongando esta situación dada a irresponsabilidade dupla: por unha banda, a vulneración dos dereitos laborais e por outra, as condicións de salubridade do persoal das oficinas de Correos na Galiza e outras áreas afectadas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.