O ministerio sacará a concurso áreas concretas dentro de cada zona con potencial eólico, cinco delas en Galicia, e obrigará a unha "fase de diálogo público" cos "actores afectados" da que poderá saír o restante 30% de criterios non económicos
Tras aprobar hai ano e medio as zonas nas que pode haber parques eólicos mariños, cinco delas fronte ás costas galegas, avaladas hai dous meses polo Tribunal Supremo fronte ao recurso presentado polo sector pesqueiro, agora o Goberno de España regula o proceso para a autorización deses parques, que será cun concurso público no que os criterios económicos pesarán un mínimo do 70%. No proceso deberá haber unha "fase de diálogo público" cos actores afectados, como a pesca, o ecoloxismo ou as comunidades locais, da que poderá saír o restante 30% dos criterios non económicos.
A regulación dos parques eólicos mariños concrétase nun real decreto publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE) deste mércores polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Nel establécese que agás os parques eólicos considerados "instalacións innovadoras" e os instalados nos portos de interese xeral do Estado, o resto deberán autorizarse a través dun procedemento de concorrencia competitiva. Ese procedemento iniciarase cunha Orde ministerial que aprobará as súas bases e que concretará a potencia a adxudicar, as tecnoloxías a empregar e a área concreta na que se emprazará cada parque dentro das zonas de alto potencial eólico aprobadas hai ano e medio. Un modelo distinto ao da eólica terrestre, onde non é a administración a que fixa os lugares senón as empresas as que propoñen onde se queren instalar e despois a administración autorízaas ou non en función da avaliación ambiental dos proxectos.
Agora o ministerio deberá publicar primeiro unha Orde coas características dos parques a adxudicar e despois, tras a fase de "diálogo público", outra Orde cos criterios puntuables do concurso nos que os non económicos so poderán ter "un máximo do 30% da ponderación"
A primeira orde ministerial que iniciará o proceso para a eólica mariña establecerá tamén os detalles da denominada "fase de diálogo público", na que "os interesados afectados polas instalacións renovables mariñas poderán remitir comentarios ou propostas de mellora" sobre as áreas concretas nas que se emprazarán os parques ou o seu deseño para "incrementar a súa compatibilidade con outros usos do mar, entre outros, o sector pesqueiro, a actividade portuaria, a seguridade marítima, a seguridade das operacións aéreas ou os intereses da defensa nacional". Tamén poderán opinar sobre "os criterios de ponderación aplicables ao procedemento de concorrencia competitiva e o impacto socioeconómico da instalación".
Tras esa fase de diálogo público, o ministerio emitirá unha segunda Orde coa que convocará o procedemento de concorrencia competitiva e na que se fixarán os requisitos que deberán cumprir as posibles empresas candidatas, das que primará entre outras cuestións a súa solvencia ou experiencia, e os requisitos das propias instalacións propostas relacionados co seu impacto ambiental, paisaxístico ou socioeconómico.
O real decreto agora publicado establece que a orde que regule o concurso "poderá incluír criterios non económicos ata un máximo do 30 por cento da ponderación", uns criterios non económicos que "poderán ser, entre outros" os que saian da fase de diálogo público. Finalmente, "resultarán adxudicadas as solicitudes que obteñan a máxima puntuación" no global do procedemento de concorrencia competitiva.
O Real Decreto agora publicado tamén define as instalacións "innovadoras" ás que non será de aplicación esta tramitación como as de eólica mariña con potencia inferior a 50 MW ou as doutro tipo de renovables mariñas non superiores a 20 MW. O carácter innovador será establecido por un informe do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e quedarán exceptuadas dese informe as instalacións que soliciten autorización para un período de menos de cinco anos ou para un único aeroxerador.
No caso das instalacións emprazadas en portos de interese xeral do Estado, estas non poderán afectar ás actividades portuarias e deberán ser experimentais ou para o consumo do propio porto.