O emprego volve bater marcas en Galicia, que albisca un verán de récord

Dous operarios manexan guindastres nunha obra CC-BY-SA Xunta

Nunca Galicia tivera tanta xente traballando en primavera. Segundo as cifras de afiliación media á Seguridade Social publicadas ese martes, o número de empregos en Galicia sitúase nos 1.111.867, unha cifra nunca alcanzada no mes de maio e a maior que se deu no país na serie histórica despois do pico que superou os máis de 1.113.000 en xullo pasado. 

Galicia creou máis de 8.000 empregos no mellor maio da serie histórica ao alcanzar os case 1.112.000, 17.000 máis que hai un ano

Xa que logo, Galicia creou máis de 8.000 empregos en maio e conta con arredor de 17.000 máis que hai un ano, en liña coas boas cifras a nivel estatal. Porque España bateu un novo récord de emprego ao superar os 22,3 millóns de persoas traballadoras, con case 232.000 afiliados máis que en abril no que é o segundo mellor maio da serie histórica, cun importante impulso dos traballadores estranxeiros e cando está en marcha o proceso de regularización aprobado polo Goberno central. 

A falta dos datos do pasado mes para as comunidades autónomas, xa en abril un terzo do total de emprego creado en Galicia correspondía a traballadores estranxeiros. Ademais, un 7,5% do total de persoas afiliadas á Seguridade Social no país son migrantes, unha cifra récord. En maio, en España, máis da metade dos novos cotizantes proveñen tamén de fóra do Estado.  

A hostalaría lidera a creación de emprego

Ademais, e tendo en conta os sectores, o maior incremento en cotizantes en Galicia no pasado mes de maio volveuse dar na hostalaría, con case 2.000 máis, liderando de novo un mercado laboral moi marcado polos servizos e polo turismo, o que fai prever outro verán de récord no emprego, como aconteceu co anterior. 

En concreto, sendo os réximes xeral e agrario os que absorben o groso do incremento da afiliación media con 8001 afiliados e afiliadas máis no último mes, 1.835 corresponden á hostalería; 1.191 a actividades administrativas; 848 a administracións públicas; 628 a educación; 569 a sanidade; 547 a comercio e 523 a construción.

No que ten que ver co paro rexistrado, Galicia pechou maio con case 3.000 persoas menos apuntadas nas oficinas de emprego (-2.938) tras un descenso do 2,6%, maior ao do conxunto do Estado, situándose como a cuarta autonomía onde máis descendeu en termos absolutos ata quedar en 109.355 desempregados

O paro rexistrado descendeu en case 3.000 persoas, situándose na cifra máis baixa se exceptuamos os datos do pasado verán

Con respecto a hai un ano, son 2.286 as persoas paradas menos logo dunha baixada do 2%, neste caso case 3,5 puntos inferior á que se deu a nivel estatal. É tamén a menor cifra de parados da serie histórica en Galicia se exceptuamos o verán do pasado ano, cando roldara as 107.000 persoas a buscar traballo nas oficinas de emprego. 

No conxunto de España, o paro baixou en 36.323 persoas en maio, reducíndose o total ata 2,32 millóns, o nivel máis baixo neste mes desde 2007. 

Case o 70% da contratación en Galicia é aínda temporal fronte ao 57% no conxunto de España

En Galicia, o paro descendeu en todas as provincias e en todos os sectores agás no colectivo sen emprego anterior, pero a caída foi especialmente importante no sector servizos, con 2.714 persoas paradas menos

Respecto da contratación, os case 59.000 contratos asinados en Galicia o pasado mes de maio son 961 máis que en abril pero 3.300 menos que hai un ano. Ademais, case o 70% dos asinados son temporais, unha circunstancia na que Galicia ten moito peores cifras que o conxunto do Estado, onde esa porcentaxe queda no 56,8%. 

Estes datos son resultado dunha redución dos contratos indefinidos dun 5,36 % e dun incremento da contratación temporal dun 5,10 % no mes de maio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.