Galicia volve bater récords de emprego malia a incerteza económica internacional polo conflito bélico en Oriente Próximo, pero faino cun mercado laboral impulsado polo sector servizos en períodos vacacionais. Desta vez foi a Semana Santa, que cadrou a principios de abril, a que permitiu que o país sumase case 8.000 postos de traballo máis (+7.944) no pasado mes ata deixar a cifra total de afiliacións medias á Seguridade Social en 1.103.820.
Galicia sumou case 8.000 empregos en abril polo impulso da Semana Santa e supera os 1,1 millóns de afiliacións, récord neste mes
Así, os máis de 1,1 millóns de persoas traballando en Galicia supoñen a mellor cifra nun mes de abril desde que hai rexistros ao sumar Galicia no último ano máis de 16.000 empregos (+16.386). O número total de afiliacións neste pasado mes queda, ademais, moi perto do récord dos máis de 1,11 millóns do pasado verán e fan albiscar outro período estival moi positivo en canto ás contratacións polo pulo da hostalería e do turismo.
Unha ollada aos datos é dabondo para comprobalo. Case a metade (49 de cada 100) dos novos empregos creados no total dos réximes de afiliación corresponden á hostalería, algo menos de 4.000.
A metade dos novos empregos creados en Galicia en abril foron na hostalería: arredor de 4.000 dun total de 8.000
En concreto, dos 7.816 afiliados e afiliadas máis no último mes nos réximes xeral e agrario, 3.834 corresponden á hostalería; 991 a actividades administrativas; 572 a actividades profesionais científicas e técnicas; 540 a construción; e 470 a comercio.
Á espera dos datos detallados deste pasado mes, o aumento continuo de cotizantes débese sobre todo á afiliación de persoas estranxeiras, que supoñían no pasado mes de marzo máis do 65% dos novos empregos creados en Galicia no último ano.
Os bos datos difundidos este martes polos ministerios de Traballo e de Inclusióne e Seguridade Social constátanse tamén no paro rexistrado. Caeu en Galicia en abril en 2.377 parados e paradas ata situar a cifra total nas 112.293 persoas a buscar emprego nas oficinas de colocación, outro mínimo histórico nun mes de abril, e 3.252 menos que hai un ano.
Baixada en todos os sectores
O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 63 persoas desempregadas menos, na industria 162 e na construción 153, sendo de novo o sector servizos o que abrangue a maioría do descenso no número de parados e paradas, con 1.764 menos. O colectivo sen emprego anterior cae en 235 persoas.
Hai no desemprego en Galicia 46.739 homes (1.295 menos que en marzo) e 65.554 mulleres (1.082 menos que no mes anterior) e seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres. Ademais, o paro cae en 528 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as persoas maiores desa idade se reduce en case 1.900.
Só un terzo dos contratos asinados en Galicia en abril foron indefinidos, fronte ao 43% no Estado
No entanto, a evolución do mercado laboral galego volve estar marcada polo arrastre do turismo e de bares, restaurantes e aloxamentos, máis aínda ao coincidir a Semana Santa no inicio do mes, así como por unha elevada temporalidade e rotación, como reflicte o baixo número de contratos formalizados malia o importante número de persoas afiliadas á Seguridade Social.
Así, foron case 58.000 os contratos asinados no país no pasado abril, sendo tan só un terzo deles (algo máis de 19.000) indefinidos fronte aos máis de 43% fixos que se asinaron no mesmo período no conxunto do Estado, unha diferenza de máis de dez puntos.
Os datos indican tamén que máis do 80% da contratación indefinida deuse no sector servizos, que representa tamén o 80% do total de contratos asinados.