O gasto en sanidade das familias galegas medrou un 39% nesta década

Acción pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

Os galegos e galegas cada vez dedican unha parte máis importante dos seus ingresos a pagar gastos sanitarios e relacionados co ensino. Dende o ano 2010, a partida de gasto familiar que máis medrou foi, con moita diferenza, a de saúde, que creceu un 39% ata o ano 2017, último exercicio con datos, segundo a estatística publicada este luns polo IGE. Ademais, o gasto en ensino elevouse un 21%, moi por riba da evolución do gasto total, que roldou o 5,5%.

Entre 2010 e 2017 Saúde (+39%) e Ensino (21%) foron as partidas nas que os galegos e galegas tiveron que aumentar máis o seu gasto

A Matriz de Contabilidade Social de Galicia, que vén de ser revisada, incorporando a información correspondente ao ano 2017, amosa a evolución anual do gasto dos fogares galegos en distintas partidas. O gasto total, que mantivera unha evolución á baixa entre os anos 2010 e 2014 (pasou de 35.900 millóns de euros a só 35.000 millóns), vén incrementándose notablemente dende entón, rozando no ano 2017 os 38.000 millóns de euros.

Unha ollada á evolución no conxunto da década, entre 2010 e 2017, revela que Saúde (+39%) e Ensino (21%) foron as partidas nas que os galegos e galegas tiveron que aumentar máis o seu gasto. Por detrás, a gran distancia aparece o gasto en Hoteis, cafeterías e restaurantes (+12%) e a continuación os gastos en Comunicacións (+6%) e en Vivenda, auga, gas e electricidade (+6%), lixeiramente por riba do aumento do gasto medio (+5,55%). Os gastos en Alimentación (+4%), Bebidas Alcohólicas (+4), Cultura, ocio e espectáculos (+4%) e Transporte (+2%) medraron pero por debaixo da media. Finalmente, unicamente as partidas de Vestido e calzado (-3%) e Mobiliario e equipamento do fogar (-9%) reduciron o seu orzamento anual.

Entre 2014 e 2017 as familias incrementaron un 37% e un 33% o seu gasto en saúde e ensino

A evolución das distintas partidas no orzamento familiar non foi lineal, e podemos atopar diferenzas entre os cambios que se produciron nos anos máis duros da crise económica (2010-2014) e os anos seguintes, nos que o gasto aumentou (2014-2017). Así, entre 2010 e 2014 o gasto en roupa e calzado (-17%) e en equipamento para o fogar (-21%) caeu de forma moi importante, pero tamén o fixo o gasto en Cultura e ocio (-10%) e en Ensino (-9%). En realidade, tan só os gastos imprescindibles: alimentación (+4%) e vivenda (+1%) mantiveron o seu nivel.

Pola contra, dende o ano 2014, hai determinadas partidas que multiplicaron o seu gasto. Destaca neste senso o caso da Saúde, cun incremento do 37% en só tres anos, e do Ensino, cun 33%. Tamén medran por riba da media algunhas das partidas que máis descenderan nos anos previos, coma o Vestido (+17%), a Cultura (+16%) e o Fogar (+15%).

O gasto total dos galegos e galegas en Saúde pasou de 1.417 millóns de euros a case 2.000 millóns entre 2010 e 2017

No último ano para o que o IGE ofrece información, o 2017, a partida que mais se encarece é a do Ensino, cun aumento do 27% con respecto ao ano 2016. Saúde, Hoteis e restaurantes e Vestido aumentaron un 11%. Mentres, a alimentación foi o único grupo de gasto que descendeu, moi lixeiramente (-0,3%).

O gasto total dos galegos e galegas en Saúde pasou de 1.417 millóns de euros a case 2.000 millóns entre 2010 e 2017. Este incremento foi máis lento ata o ano 2014 e disparouse nos tres últimos anos da estatística, 2016 e 2017. De feito, o peso da sanidade no gasto total das familias pasou de representar o 3,9% a ser case o 5,2%.

No caso do Ensino, o gasto total mantívose estable entre 2010 e 2016. Porén, no ultimo ano a cifra pasou de 384 millóns de euros a 488 millóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.