O Goberno central négase a que a SEPI merque a planta de Alcoa na Mariña e complica a súa venda

Instalacións de Alcoa na Mariña CC-BY-NC-SA CIG

O Goberno central confirma o que advertira e asegura non estar disposto a que a SEPI merque a planta para logo transferila a un terceiro

O Goberno central consumou a marcha atrás que xa insinuara e comunicou este xoves ao comité de empresa que non está disposto a que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) merque a planta de Alcoa na Mariña para logo transferila a un terceiro

O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, xa avisara de que non era necesaria esa "triangulación" ou "intermediación" por parte da SEPI, algo que Alcoa ve imprescindible. Ademais, reclamou á multinacional que venda a factoría a un terceiro directamente.

Manifestación pola continuidade da planta de San Cibrao, en Viveiro © Rebelion Aluminio

Este xoves, nunha nova mesa multilateral na que Blanco non participou por cuestións de axenda, o Executivo central "comunicou que non están dispostos a meter a SEPI na compra desta fábrica", segundo asegurou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, queu amosou claramente o seu enfado.

O comité reclama unha reunión "urxente" coa presenza do vicepresidente da Xunta Francisco Conde e da ministra de Industria

Así, o comité reclamou unha reunión "urxente e inmediata" tras criticar que xa van "15 días de atraso". Nese encontro, advertiu Zan, queren que estea presente o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, así como a ministra de Industria, Reyes Maroto. A Xunta xa dixo non ter problema e espera a que a membro do Goberno central "poña data". 

O persoal da fábrica insiste en que "é moi importante que a SEPI entre" porque é a súa "garantía" de que Alcoa "non vai facer o mesmo que fixo coa Coruña e Avilés", tal e como dixo Zan, logo de que este mércores a Audiencia Nacional insistise en que a multinacional seguiu dirixindo esas plantas tras vendelas a un socio "nin serio, nin olvente nin rigoroso".

Para o comité, a presenza da SEPI é necesaria para "verificar que todo o proceso é real e para decidir quen é o que ao final acaba facéndose coa planta". "É moi importante que manteñamos a unidade de acción, cremos que o Goberno non debe saír desa unidade de acción", engadiu Zan. 

O persoal da fábrica insiste en que "é moi importante que a SEPI entre" porque é a súa "garantía" de que Alcoa "non vai facer o mesmo que fixo coa Coruña e Avilés"

Ademais, o comité chama á mobilización este domingo nunha marcha na que pretenden que o Estado poida ver o apoio mantido da sociedade aos traballadores. "Non imos baixar os brazos, imos seguir loitando", rematou Zan, que lembrou que o Congreso aprobou unha iniciativa coa que pedía "unha intervención pública temporal para unha posterior venda a un terceiro" na Mariña. "O Executivo non debe ir contra o Parlamento de Galicia nin contra o Congreso dos Deputados, nin contra os traballadores", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.