A expansión do coronavirus e as medidas encamiñadas a contelo estanse deixando notar xa en varios sectores económicos de Galicia, que ollan con atención a evolución da situación e as decisións gobernamentais. A automoción e o téxtil, que dependen máis das importacións de produtos do exterior e, en concreto, da China, onde apareceu o virus, xa viñan sufrindo o impacto, que se trasladou tamén ás actividades relacionadas co turismo.
O Goberno central anunciou unha moratoria no pago de impostos para pemes e autónomos e unha liña do ICO para empresas relacionadas co turismo
O Goberno central vén de anunciar que unha liña do Instituto de Crédito Oficial (ICO) estará dirixida especificamente a empresas turísticas, de transporte e hoteleiras e que haberá unha moratoria de seis meses para o pago de impostos de pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos. O tecido empresarial galego está composto maioritariamente por firmas de pequeno ou moi pequeno tamaño. Esta medida permite inxectar 14.000 millóns ao sistema produtivo, segundo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) sinala a automoción, o téxtil e o turismo como os tres sectores que están notando máis os efectos, os dous primeiros porque “hai gran dependencia” da China e de produtos importados doutras zonas afectadas. Ao turístico aféctanlle as recomendacións de non viaxar e de limitar a vida social para tratar de conter os contaxios.
No mesmo sentido, a profesora de Economía Aplicada da USC María Cadaval apuntou que ter feito de China “a fábrica do mundo” está xerando “desabastecemento de determinadas pezas”. No téxtil destacou que se verá afectado na oferta, pero tamén na demanda porque Italia é o “grande comprador de moda”. Cadaval sinala que tamén están a padecer os efectos o comercio, a electrónica e as manufacturas independentes.
O impacto final na economía dependerá de canto dure a crise. Se pasa pronto, calcula que o efecto pode ser dun 0,2 por cento do PIB, pero se se alonga, "hai estimacións que dan recesión".
O presidente da Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra, César Sánchez Ballesteros, destacou que a recomendación de non viaxar dada polo goberno central hai uns días cambiou o escenario. “Paráronse as reservas, non hai movemento”, dixo e explicou que as que se manteñen son algunhas viaxes de traballo, pero as propias empresas están xa recomendando evitar os desprazamentos. “Non existen cancelacións porque o que non hai son reservas”, indicou.
Os hostaleiros da provincia de Pontevedra deixaron de recibir reservas despois da recomendación de non viaxar do Goberno central
No sector, admitiu, hai “intranquilidade”. Traballan coa perspectiva de que atravesarán “dous meses complicados” e están buscando que os gobernos de diferentes niveis dean facilidades e que “haxa tesourería dispoñible para as empresas”. Ao persoal pídenlle “plans flexibles” coma alargar as vacacións agora que non hai carga de traballo ou “repartir tarefas a media xornada” para que as decisións sexan “non traumáticas”.
Estas medidas, agregou, deben adoptarse “con inmediatez” porque “moitos locais de hostalaría quedan vacíos” e é necesario “paliar” as consecuencias destas circunstancias “excepcionais”.
No mesmo sentido, a CEG destacou que o tecido empresarial galego, composto sobre todo por microempresas ou pemes estase atopando co problema de “adaptarse ás novas circunstancias”.
Lois López, directivo da Asociación de Hostalería de Compostela, asegura que se están producindo xa cancelacións de reservas, pero distingue entre a hostalaría que traballa co turismo, que xa notou os efectos, e a que non recibe viaxeiros de fóra, que mantén a actividade. “Preocupa o inmediato, pero sobre todo a Semana Santa”, indicou.