O mercado laboral galego expulsa cada vez máis persoas e empobrece as que quedan

Vixilia polo emprego en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete Ferrol

Máis de 177.000 persoas figuran nas estastísticas da Enquisa de Poboación Activa (EPA) como asalariados con ingresos inferiores aos 1.900 euros ao ano (menos de 1.872 euros e uns 150 euros brutos ao mes). Contan, polo tanto, como empregados e non como parados nas cifras oficiais. Pero pódense incluír estas persoas na listaxe de empregados e non na do desemprego? "Podemos consideralas como tal?", pregúntase Natividade López, responsable do gabinete de Economía da CIG, que fixo público este xoves o seu informe do mercado laboral galego. 

Máis de 177.000 galegos figuran como empregados na EPA cobrando uns 150 euros brutos mensuais

De non incluír estes traballadores precarios nas estatísticas, o paro real en Galicia situaríase no 35% e o número de persoas desempregadas en preto do medio millón de cidadáns. Son os outros números dunhas estatísticas que a Xunta e o PP acollen con satisfacción e como símbolo da suposta recuperación económica. E todo por un tímido descenso do paro en 2014 que, no caso do Goberno, obvia unha importante caída da ocupación, a redución da poboación activa -sobre todo entre os máis novos- e unha precariedade cada vez máis acusada entre aqueles que si teñen traballo. 

O informe da central nacionalista, que debulla os datos do mercado laboral, non deixa lugar a dúbidas. Galicia non crea emprego e o que crea é cada vez máis precario. Baixa o número de asalariados con contrato indefinido e crecen os que teñen conrato temporal; aumentan os parados de longa duración e redúcese o número dos que perciben prestacións. E sobe a emigración, que non se detén desde que comezou a crise. 

Galicia non crea o emprego: baixan os contratos indefinidos, crecen os temporais, aumentan os parados de longa duración, redúcense as prestacións e sobe a emigración

En 2007, ano no que comezou a crise, Galicia contaba con 1.193.300 ocupados pero a tal hora conta con 195.300 menos. Case 200.000 ocupados menos, un descenso do 16,3%. Desa perda, o 84,5% correspóndese a traballadores de entre 25 e 29 anos. En canto á perda de poboación, desde ese mesmo ano caeu en 22.700 persoas e en 13.700 no pasado 2014. 

Neste último ano, a poboación activa entre os 24 e 39 anos descendeu en 25.400 persoas, algo que, segundo López, tan "só se explica pola emigración" nunha Galicia que é unha das tres comunidades autónomas onde baixou o número de ocupados, en case 8.500. E non é que emprendan, como se insinúa desde o Goberno, xa que o número de autónomos tamén descendeu de media en 13.000 durante 2014. 

O que queda é un escenario de precariedade, con traballos temporais -que son os únicos empregos que se crean- e menos indefinidos malia esas supostas axudas para a contratación fixa. Ademais, máis dun terzo deses contratos temporais duran menos de medio ano. O 64% dos traballos perdidos durante 2014 eran a xornada completa. 

Desde 2009, o único colectivo asalariado que sobe en Galicia é o que cobra a metade ou menos do salario mínimo

Ao tempo, o 40% dos parados sono de longa duración, xa que levan máis de dous anos sen traballar, polo que a taxa de cobertura segue a caer, habendo agora 92.800 fogares en Galicia con todas as persoas activas en situación de desemprego. E os que si teñen traballo, cada vez teñen menos ingresos, pola redución dos soldos, pola temporalidade ou pola parcialidade das xornadas. Así, desde 2009 só houbo un colectivo de asalariados que se incremenou en Galicia: aquel que ten un salario bruto medio igual ou inferior á metade do salario mínimo. 

Porque o número de afiliados á Seguridade Social en Galicia reduciuse nun 14,1% desde que comezou a crise, máis de 150.000 cotizantes menos nun país no que esta cifra se incrementou un chisco (0,5%) en 2014. "Estamos en situación de emerxencia nacional", resume a CIG. 

Oficina de emprego en Ferrol, unha das cidades con máis paro do país © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.