O paro de xaneiro confirma o freo á recuperación en Galicia, que destrúe 13.700 empregos

Os datos de xaneiro de 2020 amosan a ralentización do mercado laboral galego CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Gráfico: Praza Pública

A creación de emprego en Galicia desacelérase desde hai tempo. Os datos non fan máis que ratificar o freo á recuperación, tal e como indicaban xa as últimas cifras da Enquisa de Poboación Activa (EPA): 8.000 persoas ocupadas máis en 2019 fronte ao aumento de 32.200 de 2018

O paro rexistrado aumenta en case 2.500 persoas en xaneiro, mes onde se destruíron máis de 13.700 empregos

Agora é o paro rexistrado o que se incrementa en case 2.500 persoas no mes de xaneiro, lastrado pola temporalidade do sector servizos, o único no que aumentan o número de parados apuntados nas oficinas de emprego, que caen no entanto na agricultura, na construción e na industria. 

Son os datos que dá o Ministerio de Traballo sobre un paro rexistrado que, en termos anuais, redúcese en 7.045 persoas con respecto ao mesmo mes de 2019, ata alcanzar unha cifra total de 167.755. 

O incremento do paro rexistrado segue a ser inferior á media estatal, pero a súa evolución incide nunha recuperación cada vez máis lenta e precaria. Sobe en todas as provincias, pero faino só no sector servizos, con 3.202 persoas máis apuntadas nas oficinas de emprego, ao darse por finalizados milleiros de contratos tras a campaña do Nadal en ámbitos como a hostelería. 

O paro rexistrado baixa en todos os sectores pero aumenta en máis de 3.200 persoas nos servizos

Pola contra, o desemprego rexistrado descende en máis de 130 persoas na agricultura, en máis de 200 na industria e na construción e nunhas 170 no colectivo sen emprego anterior. 

Ademais, o paro medra máis entre as mulleres que nos homes: 1.726 desempregadas máis por 721 desempregados. O 70 % das persoas que se incorporan ao desemprego en xaneiro son mulleres, consolidando a fenda de xénero. 

O caso é que no pasado mes de xaneiro, a afiliación media á Seguridade Social reduciuse en Galicia en 13.753 persoas e a cifra total queda en 1,006 millóns, 14.136 máis que en xaneiro de 2019.

Son case 14.000 empregos menos que un mes antes e uns 14.000 máis que hai un ano, nunha evolución cada vez máis lenta e feble. A afiliación baixa desde o mes de agosto, ata situarse en decembro con case 30.394 persoas afiliadas menos, outro síntoma claro da desaceleración. 

De feito, o retroceso das afiliacións no primeiro mes do ano é superior ao do conxunto do Estado, cun ritmo de caída maior á media estatal. 

Tal e como destacan os sindicatos, o aumento no desemprego e a redución da afiliación á Seguridade Social en moita maior proporción supón "un reflexo do menor crecemento da actividade e a incerteza das persoas sobre a posibilidade de atoparen un emprego".

Esa destrución de máis de 13.700 empregos en xaneiro volve contrastar coa elevada cantidade de contratos, case 86.000 asinados e 8.000 máis que no mes de decembro pasado e uns 3.500 máis que no mesmo período do ano pasado. Son, con todo, contratacións precarias: o 90% delas son temporais. 

A contratación indefinida medra nun 10,36 % no último mes, mentres que a temporal faino nun 7,17 %, mentres que na media estatal cae case un punto porcentual. 

En xaneiro asináronse case 86.000 contratos, 8.000 máis que o mes anterior; o 90% das contratacións son temporais

En canto ás prestacións, no mes de decembro cobraron algunha 94.323 persoas. Delas, 45.564 cobran unha prestación contributiva e o resto, 48.759 subsidios. Xa que logo, en Galicia hai 60.228 persoas demandantes de emprego, con experiencia laboral, que non reciben prestación ningunha.

Ante esta situación, a Xunta prefire quedar cos datos positivos e asegura que o país "está a consolidar o emprego creado e situándose como a segunda autonomía na que máis baixa o paro tanto en termos absolutos como relativos, superando ao conxunto do Estado en 3,06 puntos". 

En canto ás afiliacións á Seguridade Social, o Goberno galego destaca que "seguen por riba do millón de cotizantes por undécimo mes consecutivo, cun aumento do 1,42% no último ano". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.