O paro desbócase en Galicia e desmonta o triunfalismo da Xunta

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

296.900. Esa é a cifra. O número de persoas que están en paro en Galicia, segundo os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este martes. Un récord histórico na historia do país, que é a segunda autonomía onde máis subiu o número de desempregados no primeiro trimestre do ano, ao incrementarse en 16.100 persoas, pero que é a primeira en canto á variación interanual ao contar con 9.100 desempregados máis que hai doce meses.

Galicia ten 16.100 parados máis que hai tres meses e 9.100 máis que hai un ano

Unha desfeita. O incremento do desemprego do 5,7% no primeiro trimestre de 2014 confronta co precario descenso do -0,04% no conxunto do Estado, mentres que en termos interanuais, o paro sobe en Galicia un 3,14% fronte a baixada do -5,5% en España.

A taxa de paro en Galicia sitúase xa no 23,2% -fronte ao 21,88 % do trimestre anterior e o 22,26 % de hai un ano- aínda por debaixo da media estatal do 25,73% pero cada vez máis preto. A "senda de crecemento" da que presume a Xunta non é tal. O país volve sufrir o desemprego e a emigración e, segundo a EPA, xa hai 101.500 fogares con todos os seus membros en desemprego, 5.600 máis nos últimos tres meses.

En Galicia xa hai 101.500 fogares en Galicia con todos os seus membros en desemprego

Así, Galicia conta cunha poboación ocupada de 982.800 persoas, 19.800 menos que hai tres meses e 22.800 menos que hai un ano, un descenso que se dá en todos os sectores. Case vinte mil empregos destruídos nos primeiros tres meses do ano e máis de vinte mil no último ano. Dese xeito, a taxa de actividade sitúase no 53,92%, case seis puntos por debaixo da do conxunto do Estado, que se sitúa no 59,46%, e só superada pola de Asturias. É a emigración a que explicaría este descenso, xa que a maior baixada na actividade dáse nos mozos de entre 34 e 30 anos.

O caso é que a adaptación do cálculo da EPA aos datos do censo de 2011 xa supuxeran un pau para as cifras do paro en Galicia, ao indicar que no país había 3.100 persoas máis sen traballo, aínda que unha taxa de desemprego unha décima menor.  Foron 1.000 parados máis aplicables ao goberno bipartito e 4.000 máis ao de Feijóo, que ve como eses cambios estatísticos non son nada comparados agora coa crúa realidade.

A taxa de paro xuvenil supera o 40% en Galicia tras incrementarse en máis de dous puntos no último trimestre

En canto á taxa de paro xuvenil, aumentou durante o primeiro trimestre de 2014 en 2,2 puntos ata situarse no 40,2%, o que supón un aumento de 1,4 puntos con respecto a hai un ano. Segundo aclara o Instituto Galego de Estatística (IGE), dos 351.800 mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 117.000 (o 33,3%) están ocupados, 78.800 (o 22,4%) parados e os 156.000 (o 44,3%) restantes son inactivos. En Galicia, xa hai máis do dobre de xubilados que menores de 35 anos traballando.

Por outra banda, de fixármonos nas grandes cidades, Lugo e Santiago son as que presentan as maiores taxas de ocupación (50,7% e 48,8%) no primeiro trimestre de 2014. Ferrol, pola contra, é o concello coa menor taxa de ocupación (31,4%), e tamén o que conta cunha maior taxa de paro (29,2%). A continuación sitúanse Vigo, cunha taxa do 24,6% de paro; Ourense (22,9%); Pontevedra (22,1%); Lugo (21,3%); Compostela (20,7%) e A Coruña (18,3%).

 

Datos nada positivos no Estado

Os datos a nivel estatal tampouco son nada positivos. Aínda que o comezo de ano non adoita ser un bo período para o mercado laboral, as previsións falaban dun trimestre menos malo e incluso dun posible aumento interanual do empergo. Pero nada diso. A EPA, ante a caída de poboación, amosa o aumento da taxa de paro até case o 26% no primeiro trimestre, pero durante estes tres meses destruíronse 184.600 postos de traballo. Tamén en termos interanuais: nos últimos doce meses, o emprego reduciuse en España en 79.600 persoas (72.700 homes e 6.900 mulleres).

E os datos volven de novo a empeorar as previsións, como a do Banco de España, que hai tan só días prevía unha caída do emprego do 0,3% neste primeiro trimestre, cando finalmente foi do 1,08%. Ademais, as cifras da EPA fan moi complicado que se cumpran tamén as previsións do ministro de Economía, Luis de Guindos, que asegurou que o mercado laboral podía crear emprego neto nos primeiros meses do ano.

O número total de persoas en desemprego caeu neste primeiro trimestre, pero de maneira moi leve, en tan só 2.300 persoas no conxunto do Estado, polo que o número total de parados segue a rozar os seis millóns, ao alcanzar as 5.933.300 persoas. 

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, con Feijóo ao fondo © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.