O paro sobe en Galicia en máis de 7.000 persoas co maior incremento porcentual en outubro desde 2008

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

Galicia destruíu emprego e sufriu a suba do paro rexistrado no pasado mes de outubro. A fin do verán trouxo consigo o incremento en 7.323 do número de persoas inscritas nas oficinas de emprego, un 4,7%, superior á media estatal (+3,2%), e un aumento centrado de novo no sector servizos. 

O deste mes de outono é o maior incremento porcentual do paro rexistrado desde 2008, nos primeiros momentos da crise económica

É o maior incremento do paro rexistrado nun mes de outono desde 2008, nos primeiros momentos da grave crise económica, cando o desemprego aumentara un 7,4%. Malia que outubro sempre foi un mes negativo para o paro, o aumento desta vez é importante, unhas cifras que afondan na desaceleración económica e no estancamento do mercado laboral galego. 

É un novo mes neste ano no que o incremento do paro é o peor desde 2008. Así aconteceu tamén no pasado agosto, que rematara con case 600 empregos menos e 3.000 persoas paradas máis. Ademais, segundo os datos da EPA, a creación de emprego neste último verán foi tres veces menor á do ano anterior, unha mostra máis dunha evolución nada favorable do mercado laboral. 

O paro rexistrado aumentou en todos os sectores, sobre todo nos servizos, quedando o número de desempregados en preto dos 165.000

Unha vez máis, foi nos servizos onde subiu en máis de 5.000 persoas o paro rexistrado, que se incrementou en todos os sectores aínda que moito menos, desde as 837 persoas máis inscritas na agricultura, ás 363 da construción, pasando por medio milleiro máis na industria. 

O número de persoas paradas en Galicia queda, xa que logo, en 164.307, 5.437 menos que hai un ano tras unha baixada interanual do 3,2%, que si é algo superior ao descenso que se deu no conxunto do Estado nos últimos doce meses. 

Subiu o paro no outono e destruíronse algo máis de 2.000 empregos. Concretamente, no mes de outubro baixaron en 2.097 as persoas afiliadas á Seguridade Social, un lixeiro descenso que deixa en 1.027.450 a cifra total, case 15.000 máis que  hai un ano, cun incremento anual do 1,4%, inferior en case dous puntos ao aumento a nivel estatal. 

Por sexos, entre os homes aumentou o paro en 4.393 persoas, mentres que nas mulleres se incrementou o número de inscritas en 2.930. Xa que logo, o 58 % das persoas desempregadas son mulleres. 

Galicia destruíu máis de 2.000 empregos en outubro malia que se asinaron máis de 106.000 contratos

Mentres se destrúe emprego, o número de contratos asinados mensualmente mantense especialmente alto, con máis de 106.000 en outubro, dos cales máis do 90% foron temporais. Son uns 700 contratos menos que no mes anterior, pero uns 2.500 máis que no mesmo período do pasado ano. 

En canto ás prestacións, cobraron algunha no mes de setembro 81.850 persoas. Delas, 36.754 percibiron unha prestación contributiva; as restantes 45.096 percibiron subsidios. En Galicia hai 68.415 persoas demandantes de emprego e con experiencia laboral que non reciben ningunha prestación

Así, mentres os sindicatos destacan que os datos confirman a "tendencia na desaceleración do emprego en Galicia" e a "situación crítica" na industria, a Xunta céntrase nos datos interanuais para aseverar que "o paro continua caendo en Galicia seis anos de xeito consecutivo no mes de outubro", polo que o país "mellora o comportamento medio en España ao caer o paro en case un punto máis".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.