O persoal da refinería de Repsol clama na Coruña contra o ERTE

Mobilización de persoal da refinería de Repsol na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Arredor dun milleiro de persoas uníronse á mobilización para exixir a Repsol a retirada do ERTE e investimentos na refinería

Persoal da refinería de Repsol, acompañado de familiares, amigos e cidadanía, manifestáronse este sábado na Coruña para exixir a retirada do ERTE e investimentos no complexo industrial. Arredor dun milleiro de persoas uníronse á mobilización que percorreu as rúas da Coruña, desde A Palloza ata María Pita, na que houbo representación de todos os partidos con representación tanto no Parlamento como no Concello. 

Así, as mobilizacións continúan por parte do persoal logo de que se coñecese o pasado 8 de abril a intención da empresa de aplicar ese ERTE "por causas produtivas" que afectaría 212 traballadores (o 31% do total no complexo) durante seis meses. 

Mobilización de persoal da refinería de Repsol na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Entre o persoal a "inquedanza" e a "incerteza" son as palabras máis repetidas xa que, máis aló do problema laboral que supón o expediente, o comité de empresa xa expresou o seu temor a que esta medida, unida á "falta de investimentos" na refinería, supoña "o principio de algo máis severo e prexudicial para o emprego" nunha industria clave na Coruña e a súa comarca. 

A "imparable chegada da transición enerxética", como advertiron os representantes do persoal nas súas xuntanzas coa alcaldesa da Coruña e o rexedor de Arteixo, fai imprescindibles investimentos e reformas no complexo que o comité asegura que non chegan. Ademais, advirten da "falta de información sobre a viabilidade e o futuro do emprego" na refinería, da que dependen máis de 3.500 persoas e que ten un enorme peso e importancia noutros sectores e unha importancia capital no tráfico portuario. 

O comité denuncia "a estafa que Repsol pretende facerlle aos seus traballadores coa aplicación dun ERTE totalmente inxustificado"

No manifesto lido tras a marcha, persoal de Repsol denunciou "a estafa que a empresa pretende facerlle aos seus traballadores coa aplicación dun ERTE totalmente inxustificado". O comité de empresa advertiu de que "o mantemento dun tecido industrial san e xerador de emprego é a base para que unha comarca poida avanzar e medrar economicamente" e que a proposta da compañía "parece querer mostrar o comezo da fin das instalacións da refinería na cidade da Coruña".

Ademais, o comité insistiu na exixencia de "investimentos" na planta e advertiu de que o persoal "loitará  para que este atropelo non se leve a cabo da ningunha das maneiras".

Mobilización de persoal da refinería de Repsol na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Desde as forzas políticas, todas elas insisten na necesidade de "investimentos" para evitar outro golpe máis no camiño da "desindustrialización" da comarca. 

A Xunta, ante a demanda de BNG e PSdeG para que interveña no conflito, instou o pasado venres a Repsol a realizar todos os investimentos posibles para garantir o emprego, pero asegurou que o ERTE afecta tamén á refinería que a empresa ten en Cartagena, polo que, di, é o Ministerio de Traballo a autoridade laboral competente para a negociación. 

Ademais, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, aproveitou o pasado venres para cargar contra un "momento de transición enerxética" que definiu como "errático a nivel estatal". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.