De "rotundo éxito" cualificaron os sindicatos convocantes a folga levada a cabo este xoves en Abanca. O 90% do persoal da rede comercial secundou o paro, o que provocou que a "práctica totalidade" das oficinas se mantivesen pechadas durante a xornada, segundo CIG e ASCA.
O persoal da entidade bancaria xurdida dos restos das antigas caixas galegas protestou e saíu á rúa en demanda de "melloras salariais e laborais" e colapsou o centro da Coruña nunha manifestación na que participaron máis de 1.100 persoas, segundo datos da CIG.
Os sindicatos convocantes cifran no 90% o seguimento da folga nas oficinas, a maioría delas pechadas
"Traballamos en Abanca e o salario non alcanza", "Botas, Escotet debédesnos o IPC" ou "a presión comercial é acoso laboral" foron algunhas das consignas da marcha durante unha xornada de folga —a primeira en 40 anos no sector bancario en Galicia para reclamar melloras laborais— na que o persoal demanda á empresa que "abra unha mesa de negociación para recuperar o poder adquisitivo perdido e os dereitos recortados en cada un dos sucesivos expedientes de regulación aplicados dende 2010".
Uns ERE que, segundo denunciou o secretario da sección sindical da CIG, Clodomiro Montero, serviron á entidade para "destruír centos de postos de traballo, precarizar as condicións laborais e ampliar os horarios".
CIG e ASCA piden que Abanca "abra unha mesa de negociación para recuperar o poder adquisitivo perdido e os dereitos recortados dende 2010"
Ademais, advertiu que os traballadores e as traballadoras de Abanca perderon arredor dun 25% da súa capacidade adquisitiva nos últimos trece anos anos mentres "a entidade ten uns beneficios históricos e multimillonarios e o seu propietario está no quinto posto da lista Forbes dos máis ricos do Estado". "E non quere reverter os recortes que se nos impuxeron", denuncia.
Montero asegura que as nóminas que ten o persoal a día de hoxe son inferiores ás de 2010. "Temos os salarios máis baixos do sector financeiro, os horarios máis estendidos (traballamos máis tardes e durante máis meses que no resto de entidades) e unha presión comercial desmedida, que amplían e cambian segundo se van cumprindo os obxectivos", dixo sobre unha folga na que se denunciou que hai persoal "traballando por 800 euros ao mes desprazado fóra da súa casa".
CIG e ASCA aclaran que o persoal leva anos demandando medidas para garantir a seguridade nas oficinas ante o incremento do número de roubos sen reforzo de seguridade ningún. "En cambio, hoxe comprobamos como en todas as oficinas puxeron un vixilante de seguridade, aínda que están pechadas pola folga", di.
"Reclamamos que senten negociar coa representación sindical, pero o banco nin contesta", insistiu Montero, que asegurou que"ou Abanca muda a súa política ou o conflito continuará adiante até conseguir os nosos obxectivos".