O servizo de atención telefónica de Santa Lucía anunciou 90 despedimentos en Galicia na véspera do 8M

Concentración ante as instalacións de Teleperformance na Coruña, este luns © CC.OO.

O pasado xoves, na véspera das mobilizacións do 8 de marzo, a empresa Accepta Soluciones Integrales, filial de atención telefónica da aseguradora Grupo Santa Lucía anuncioulle ao seu persoal o peche da maior parte das súas 53 oficinas en España, co obxectivo de "centralizar" os seus servizos en cinco sedes: Madrid, Oviedo, Sevilla, Valencia e Hospitalet. A medida implica o peche dos tres centros que a compañía tiña en Galicia (A Coruña, Pontevedra e Ourense) e, na práctica, o despedimento, de máis de 90 traballadoras.

A compañía ofrécelle ao persoal manter os seus empregos se se trasladan a Oviedo

O Grupo Santa Lucía negociará este mércores cos sindicatos a forma en que se levará a cabo a "reestruturación" do cadro de persoal, ofrecéndolles a todas as operadoras o traslado a algún dos cinco centros que quedarán abertos. É dicir, as 90 empregadas galegas poderán manter os seus postos se se desprazan a Oviedo, algo que parece pouco probable para empregos con salarios inferiores aos 700 euros mensuais. 

Os sindicatos denuncian que na práctica esta operación constitúe un despedimento encuberto co que a empresa busca rescindir os seus contratos aboándolles unicamente 20 días por ano traballado.

Concentración ante a sede de DXC na Coruña © CIG

O anuncio do peche das tres centrais de Santa Lucía en Galicia engádese a unha longa lista de malas noticias para o sector do telemarketing no noso país. Ao ERE presentado en Bosch e que afecta a máis de 650 traballadoras (máis outras 200 contratadas por ETT e non renovadas) e aos 11 despedimentos que houbo en Atento dende comezos de ano, uníronse nas últimas semanas os problemas en Teleperformance e DxC.

O ERE presentado en Bosch para 650 traballadoras en Vigo, ou os recentes despedimentos en Atento, únese a situación en Teleperformance en en DxC, todas na Coruña

As traballadoras de Teleperformance, empresa que emprega a 500 persoas na Coruña, iniciaron mobilizacións en xaneiro, denunciando que que no último ano houbo máis de 100 despedimentos na central coruñesa e que tan só no mes de decembro a empresa botou á rúa a máis de 50 persoas. Este persoal formaba parte dunha nova campaña de Orange para a que Teleperformance colleu a 80 traballadoras, pero que tras realizar unha formación non remunerada durante cinco semanas, ao pouco de seren contratadas, a dirección comunicoulles o seu cese alegando que non superaran o período de proba. "En realidade o que ocorreu é que Teleperformance calculou mal o persoal que precisaba e despediunos con esa escusa, intentando tapar así un despedimento colectivo e o que iso implica", denuncia a CIG.

Os sindicatos critican ademais que as últimas contratacións realizadas en Teleperformance foron todas de xornadas de 25 horas ou menos, incrementando así a precariedade laboral. Ademais, denuncian que a empresa retirou sen previo aviso as ampliacións de xornada até as 30 horas que estaba realizando nalgunha campaña, polo que hai traballadores e traballadoras que veñen de fóra da Coruña "a quen o salario non lle chega nin para pagar os desprazamentos", di a CIG. 

Este luns CIG, CC.OO. e UGT convocaron un paro dunha hora de duración en Teleperformance, que foi secundado polo 80% do cadro de persoal, que protestou contra os "despedimentos inxustificados", a precariedade laboral, a denegación das peticións de reducións de xornada, as "presións constantes" nas campañas ou a "falta de control e transparencia" ante os cambios constantes de persoal entre campañas.

No último ano houbo máis de 100 despedimentos en Teleperformance, 50 só no pasado mes de decembro

Mentres, o persoal de DxC, tamén na Coruña, leva semanas mobilizándose en protesta contra "o desmantelamento progresivo do centro de traballo", no que chegaron as traballar máis de 300 operadoras. O Comité de Empresa, formado por CIG e CC.OO., denuncia que a compañía está presionando o seu persoal para que asine baixas voluntarias.

A empresa vén de perder un dos servizos que prestaba para Servihabitat (inmobiliaria de CaixaBank) e no que estaban destinadas 33 persoas do cadro de persoal propio e 64 mediante subcontratacións. Dende o comité esixíuselle á empresa a recolocación do 100% dos traballadores e traballadoras afectadas, mais "en todas as reunións a empresa deunos unha evasiva por resposta sen concretar en ningún momento as súas intencións", denuncia a CIG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.