O Supremo defende que as folgas afecten á cidadanía e condena a Renfe por "burlar" unha da CGT en 2022

Un tren de Media Distancia nunha estación galega CC-BY-SA Praza Pública

A empresa puxo trens dobres entre Vigo e A Coruña para compensar os que pararon e o tribunal censura que reduciu as "consecuencias para a cidadanía" cun "menor impacto social", o que afectou ao dereito de folga

O luns 7 de novembro de 2022 o sindicato CGT convocou unha folga en Renfe para a que o Goberno estableceu uns servizos mínimos do 65% nos trens de media distancia. Iso deixou sen circular en Galicia varios trens entre A Coruña e Vigo.

Renfe tentou compensar eses sevizos habilitando de xeito extraordinario dous trens de dobre composición, un con saída de Vigo ás 15.02 horas e outro con saída da Coruña 19.08 horas. Foi, segundo confirma agora o Tribunal Supremo, unha vulneración do dereito de folga pola que a empresa pública deberá indemnizar o sindicato con 7.501 euros.

Sentenza do Supremo que condena a Renfe por vulnerar o dereito de folga de CGT CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xa dera a razón á CGT nunha sentenza de maio de 2023, pero Renfe recorreu argumentando que non incumprira o número de circulacións de trens establecidas nos servizos mínimos. Un recurso que o Supremo cualifica de "tosco" lembrando que a porcentaxe do 65% fixada para os servizos mínimos "refírese aos servizos prestados habitualmente, tanto se refiran a número de trens en circulación, como a número de prazas ofertadas, en relación cun día normal comparable". 

E o que di a sentenza é que os trens en cuestión entre A Coruña e Vigo "non saen habitualmente, en meses ordinarios, os luns en dobre composición" e polo tanto co dobre de prazas. De feito aquel 2022 só o fixeran en dobre composición os festivos do 25 de xullo e 15 de agosto.

Manifestantes da CGT, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza di que os servizos mínimos non se poden computar en trens senón en prazas dispoñibles e que Renfe vulnerounos ao habilitar trens en dobre composición e polo tanto co dobre de prazas

"Con esta actitude", di a sentenza do Supremo, os responsables de Renfe "burlaban as medidas establecidas pola autoridade administrativa para garantir os servizos esenciais, provocando con iso unha desproporción entre os dereitos afectados incidindo negativamente no dereito fundamental reclamado", o de folga. O alto tribunal tamén engade que con esa decisión tamén "diluíanse os efectos da folga diminuíndo as súas consecuencias para a cidadanía e provocando un menor impacto social, o que afectou, decisivamente, ao pleno e correcto exercicio do dereito de folga". Unha vulneración que o Supremo coincide en indemnizar cos 7.501 euros previstos polo TSXG, ademais de condenar a Renfe a outros 1.800 euros por costas xudiciais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.