A comisaria de Transporte responde ao BNG, que tamén preguntaba polo "case monopolio de Monbus", que a súa proposta aínda en negociación é abrir servizos regulares de transporte á competencia
Os problemas no transporte público interurbano galego, tanto en tren como autobús, especialmente no eixo atlántico, mantéñense desde hai meses sen que Estado e Xunta lograsen aínda solucionalos, en parte debido a unha insuficiente planificación anos atrás que vai máis alá de avarías ou problemas puntuais. Neste contexto a comisaria europea de Transporte, Adina Vălean, vén de responder a unha pregunta formulada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda e lembra que en materia ferroviaria o Estado ten que consultar cos usuarios "as súas necesidades" e que en cuestión de autobuses a súa propia proposta, aínda a debate na UE, é abrir servizos regulares agora baixo concesións á competencia entre empresas.
As demoras, avarías e falta de prazas que se están a rexistrar tanto nos autobuses como nos trens que conectan principalmente a Galicia urbana teñen múltiples causas, segundo expertos consultados dos dous modos de transporte.
Aos problemas que xa se viñan arrastrando nos trens engádese este venres unha folga do persoal de Renfe
Faltan maquinistas de tren e condutores de autobús. Faltan trens, que tardan anos en construírse, e os que hai non sempre teñen un mantemento adecuado, ao igual que as liñas máis antigas, con frecuentes desprendementos, como un novo rexistrado este martes en Valdeorras. Hai un aumento da demanda derivado das bonificacións e gratuidades introducidas tanto polo Estado como pola Xunta sen ter en conta adecuadamente se a oferta sería suficiente. E haberá, por último e de forma esta sí puntual ou conxuntural, unha folga do persoal de Renfe cunha primeira xornada de paros este venres 24 contra o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de ceder os servizos de Cercanías á Generalitat de Catalunya.
A comisaria europea di que non tiña constancia de problemas no transporte en Galicia ata que así llo comunicou a eurodeputada do BNG Ana Miranda
No caso da Xunta, a falta de planificación no seu sistema de transporte interurbano vén de ser analizada polo Consello de Contas. E no caso do Estado, a aposta dos últimos anos pola mellora das infraestruturas ferroviarias desviou o foco dos servizos que se prestarían con esas novas vías. O feito de que o Eixo Atlántico de alta velocidade estea en servizo entre A Coruña e Vigo desde 2015 pero aínda este ano se culminase nel a posta en servizo do sistema de seguridade ERTMS que facilitará máis frecuencias ou que estas sigan condicionadas oito anos despois por falta de maquinistas e trens evidencia que a planificación puido ser mellorable.
Neste contexto a eurodeputada do BNG Ana Miranda formulou á Comisión Europea unha pregunta na que salienta "problemas graves, como a falta de prazas nos trens, a necesidade de planificar con moita antelación a compra de billetes, a falta de frecuencias, que complica a vida diaria de persoas traballadoras e estudantes, así como continuas demoras nas liñas ferroviarias". A nacionalista tamén di que "ocorre o mesmo no transporte en autobús, case monopolizado pola empresa Monbus, que incumpre sistematicamente a oferta necesaria para responder a demanda existente no territorio galego". Ante estas situacións reiteradas desde hai meses, Miranda preguntou á Comisión se coñece o problema e se ten previsto algunha actuación.
A resposta da comisaria de Transporte, feita pública este martes, consiste, como adoita facer nestes casos, en desviar a responsabilidade ás autoridades estatais e rexionais. A comisaria di que os seus servizos "non tiveron constancia, ata agora, de que houbera problemas de calidade e capacidade en relación cos servizos de transporte público por ferrocarril e autobús en Galicia".
Unha vez informada deles grazas á iniciativa do BNG, a comisaria di que "os investimentos en infraestruturas ferroviarias son un requisito previo para uns servizos de transporte ferroviario eficientes e de alta calidade". E nese sentido lembra que a normativa europea di que "antes de iniciar os investimentos adecuados, os administradores nacionais de infraestruturas están obrigados a consultar ás partes interesadas pertinentes, como, por exemplo, os traballadores pendulares [viaxeiros recorrentes] de Galicia, a fin de ter en conta as súas necesidades".
En materia de autobuses, a comisaria europea lembra que "as autoridades deben supervisar o cumprimento dos requisitos contractuais por parte dos operadores". E salienta que "para facilitar a mobilidade e a conectividade interurbanas e aumentar a cota modal de modos de transporte sostibles como o autobús e o autocar, en novembro de 2017 a Comisión propuxo a revisión" do regulamento europeo para "abrir os mercados nacionais de servizos regulares á competencia". Porén, varios anos despois a propia comisaria lembra que a proposta está aínda en negociación e pendente do que poidan decidir os estados.