O TSXG ratifica unha multa a Arriva por dar datos falsos á Xunta para desfacerse de persoal e censúralle “menosprezo” á comarca da Mariña

Autobuses de Arriva © Arriva

A empresa foi sancionada por vulnerar a competencia e o interese público, pero argumentou que non había tal porque só se vían afectados 12 concellos do norte de Lugo, e o tribunal di que non pode aceptar ese “menosprezo dialéctico”

No marco do longo e complexo proceso de renovación das concesións de autobuses en toda Galicia a empresa Arriva quedou sen o contrato de servizo regular de autobuses na Mariña lucense. A nova adxudicataria, Autos Morán, debía subrogar os traballadores que viñan prestando ese servizo, pero Arriva comunicou á Xunta un número superior, co que se desfacía así de persoal e ao tempo aumentaba os gastos da súa competidora. 

A Comisión Galega da Competencia, tras unha denuncia da Xunta, multou a Arriva polo que considerou tanto un ataque á competencia como ao interese público. A empresa recorreu e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza con data do 5 de novembro feita pública nos últimos días, vén de avalar a sanción de Competencia. Pero o tribunal vai máis alá e censura tamén o que considera un “menosprezo dialéctico” de Arriva á poboación da Mariña ao tentar defenderse argumentando que o seu comportamento non afectaba á competencia e o interese público porque era un contrato limitado ao norte da provincia de Lugo.

Nova ratificación xudicial, agora do TSXG, de que Arriva facilitou datos erróneos á Xunta cos que se desfixo de persoal CC-BY-SA Praza Pública

Que Arriva facilitou datos erróneos á Xunta cos que se desfixo de persoal xa foi establecido previamente en varias causas xudiciais. De feito, na agora resolta a conta do recurso da empresa contra a multa que lle puxo Competencia o TSXG comeza salientando que “non foron discutidos en sede xudicial os feitos probados na resolución recorrida no tocante á falta de transmisión de información exacta imputada á empresa Arriva”. 

Eses datos inflados de persoal non só afectaban á obriga de subrogación por parte da nova adxudicataria senón que, segundo o TSXG, puideron condicionar tamén o concurso público previo ao obrigar ao resto de posibles empresas candidatas a presentar ofertas máis desfavorables que a de Arriva, coñecedora do auténtico custo laboral do servizo. Pero o recurso da empresa non puña en dúbida o errado dos datos que facilitou senón que eses feitos non debían ser obxecto de sanción ou que a sanción -o 1% do volume de facturación anual- fora excesiva.

O tribunal, pola contra, considera que si existiu infracción no que fixo Arriva, que non actuou de boa fe e que para ela non era difícil establecer a cifra correcta do persoal que prestaba o servizo en cuestión e debía ser subrogado. Sobre se o ocorrido supuxo unha afectación da libre competencia e do interese xeral, a empresa, segundo a sentenza, argumentou que “non se produce afectación da competencia no sentido de non terse causado dano á estrutura do mercado, tal como esixe o Tribunal Supremo, algo que tamén se constata porque se trata dun contrato que opera no norte da provincia de Lugo, conectando 12 municipios”.

Pero o tribunal considera que “as prácticas desleais que a empresa demandante puxo en práctica tiveron un impacto real no falseamento da libre competencia, posto que para os licitadores en concreto da liña [afectada] ese é o ámbito sobre o que se proxecta de xeito relevante a necesidade da afirmación da libre competencia”. Isto é, a competencia se produce nese ámbito concreto da liña da Mariña.

O TSXG censura o "menosprezo" de Arriva cara á comarca da Mariña CC-BY-SA Praza Pública

"A tutela do dereito a unha mobilidade en transporte público nas mellores condicións que poda ofrecer [a libre competencia é] unha interpretación razoable de interese público, da que unha comarca de cen mil habitantes non pode quedar despoxada"

O TSXG tamén considera que se afectou ao interese público, e por iso a multa, e sinala que “en primeiro lugar, este tribunal non pode aceptar o menosprezo dialéctico que á poboación afectada supón negar a existencia de interese público comprometido por que se trate da conexión de 12 concellos da Mariña de Lugo”. “A tutela do dereito a unha mobilidade en transporte público nas mellores condicións que poda ofrecer o resultado dun proceso competitivo entre empresas do sector dende logo que integra unha interpretación razoable de interese público, da que unha comarca de entorno a cen mil habitantes non pode quedar despoxada”, engaden os maxistrados.

Pero o tribunal tamén lembra que o propio servizo de transporte de pasaxeiros está declarado “de interese xeral” e que “o acto de competencia desleal repercute negativamente no interese directo da cidadanía potencialmente usuaria do servizo”.

O TSXG remata considerando a sanción proporcional aos feitos ocorridos e a previsión de multas contemplada na lei e conclúe desestimando todas as pretensións de Arriva e declarando a conformidade a dereito da sanción imposta por Competencia. 

A sentenza, emitida por un tribunal formado por Francisco Javier Cambón García como presidente e polos maxistrados Cristina María Paz Eiroa, Juan Carlos Fernández López e Luís Villares Naveira, este último como relator, conta cun voto particular discrepante de Fernández López. Ese maxistrado considera que se debera anular a sanción porque Arriva ofreceu a información que se lle solicitou e “con ser certo que a información que libremente ofreceu á nova contratista foi incorrecta, tal conduta non aparece tipificada na norma que regula a defensa da competencia”.

Certificado presentado por Arriva ante a Xunta coa ducia de condutores e unha administrativa a subrogar que o Goberno galego detectou que non se correspondía con outros documentos da empresa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.