Os sindicatos avanzan no seu acordo coa Xunta pero os empresarios veno “moi lonxe” tras reunirse este luns co Goberno galego e manter as dúas partes as súas posturas sobre a aplicación ou non xa en agosto do novo modelo de transporte
A folga de autobuses vivirá este martes a súa quinta xornada, á espera do que decidan os traballadores nas asembleas que os sindicatos convocaron a primeira hora da mañá nas principais estacións. Nelas avaliarán a posibilidade de estender o paro a máis días e os avances da súa negociación coa Xunta, coa que este luns mantiveron unha nova reunión para avanzar no seu principio de acordo sobre a subrogación dos traballadores. Porén, os empresarios ven “aínda moi lonxe” o acordo que desactive o conflito.
"Sen dotación económica suficiente, a subrogación será papel mollado", di a patronal sobre o principio de acordo acadado o venres entre Xunta e sindicatos e afianzado este luns
Este luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse pola mañá cos empresarios. Ao remate do encontro, a patronal indicou que o acordo está “aínda moi lonxe” e insistiu en pedir á Xunta que lles permita seguir realizando os servizos que cada empresa tiña ata agora máis alá de agosto mentres reformula o seu plan. O Goberno galego, pola contra, insiste en que non é posible porque as empresas xa renunciaron a seguir prestando eses servizos. Por outra banda, a patronal aceptou a subrogación dos empregados actuais por parte das empresas que resulten adxudicatarias do novo modelo, como acordaron de xeito inicial o pasado venres a Xunta e os sindicatos. Pero os empresarios salientaron que o Goberno galego aínda non trasladou esa subrogación ao texto do seu proxecto incorporando o custo que tería, polo que consideran que “sen dotación económica suficiente, esa subrogación será papel mollado”.
Tras o encontro da mañá cos empresarios, a conselleira reuniuse pola tarde cos sindicatos para seguir avanzando na concreción legal desa subrogación, que dan por feita. Os sindicatos consideran que a nova postura da Xunta mellora moito o plan inicial pero matizan que se as liñas non son viables económicamente para os empresarios, os traballadores acabarían igualmente despedidos. Este martes os traballadores están convocados a primeira hora nas principais estacións de autobuses de Galicia para avaliar a evolución das negociacións entre Xunta e sindicatos e decidir se estenden ou non a folga actual, convocada para todos os martes e mércores, a máis días da semana e de xeito indefinido.