Dende hai 21 anos o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio compostelá convocan os Premios Manuel Beiras co obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial, subliñando a importancia deste ámbito no proceso de normalización do uso social da lingua galega. Con este recoñecemento pretenden contribuír á difusión das boas prácticas comunicativas en galego e poñer de manifesto as vantaxes de incorporar a nosa lingua para o sector socioeconómico.
Dinahosting foi premiada "por poñer o galego nas tecnoloxías da información e da comunicación e contribuír a dotalo de ferramentas que o sitúen no panorama dixital, un dos retos principais da nosa lingua"
Nesta ocasión, as empresas premiadas foron Dinahosting, a zapataría Moksín e a Revista Pincha, que foron escollidas por un xurado presidido por Rubén Prol, concelleiro de Políticas Lingüísticas, e Xavier Freire Chico, en representación da Cámara de Comercio e no que tamén participaron presentantes Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, a USC, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Unión de Consumidores de Galicia e tamén das empresas e entidades recoñecidas na pasada edición dos galardóns: Strelia, Númax e Cantigas e Agarimos.
Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, foi premiada Dinahosting "por poñer o galego nas tecnoloxías da información e da comunicación e contribuír a dotalo de ferramentas que o sitúen no panorama dixital, un dos retos principais da nosa lingua".
Da revista Pincha destacouse "o enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo"
Na categoría de nova incorporación ao galego foi recoñecida a empresa Revista Pincha, da que se destaca "o enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo".
Na categoría de empresa cunha comunicación innovadora (que se convocaba por vez primeira), o galardón foi para a zapataría Moksín, "por implantar unha semente de lingua no corazón comercial de Compostela e no sector da moda e arrequentala cuns escaparates onde tradición e vangarda se colocan ao servizo dun relato que nos explica".
Sobre Moksín subliñouse que implantou "unha semente de lingua no corazón comercial de Compostela e no sector da moda e arrequentala cuns escaparates onde tradición e vangarda se colocan ao servizo dun relato que nos explica"
Nesta edición, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio revisaron as normas que rexen os galardóns e aprobaron unhas novas bases. Ademais, "tendo en conta que o uso do galego no sector comercial superou as etapas iniciais e que unha comunicación eficaz require xa un maior esforzo", crearon unha nova categoría para premiar as accións -globais ou puntuais- das empresas que destaquen pola súa innovación, orixinalidade, impacto etc., e que poden convertérense en exemplos de boas prácticas.
"Esta categoría é, dalgún xeito, unha mirada cara ao futuro, con máis e mellor comunicación en galego por parte do sector socioeconómico, unha vez demostrado -grazas ás empresas que foron pioneiras- que empregar o galego nunca resta e sempre suma", destaca a organización dos premios.
"O emprego da nosa lingua propia é o mellor elemento para establecer conexión: distingue os establecementos locais nun contexto globalizado e facilita as redes de complicidade co seu público"
Así mesmo, coincidindo coa convocatoria dos premios, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio lanzaron unha campaña de difusión que incidiu "nas posibilidades que o galego lles abre ás empresas e, especialmente, a aquelas que se dirixen ao público local". "O Galego conéctanos e fainos visibles. Usar o Galego é unha decisión extratéxica", destacan.
Engadían que "nestes momentos, en que os negocios locais precisan de todo o noso apoio e cando a parece aumentar a sensibilidade da cidadanía polo próximo, o sustentable, os valores intanxibles e comunicación entre as persoas, non podemos deixar de poñer en evidencia que o emprego da nosa lingua propia é o mellor elemento para establecer esta conexión: distingue os establecementos locais nun contexto globalizado e facilita as redes de complicidade co seu público".