Pemex decidirá en dous meses se contrata os floteis aos estaleiros galegos

Feijóo e Suárez Coppel, en Compostela © Xoán Crespo

Pemex sementou as dúbidas no naval galego. A petroleira mexicana remexeu a precampaña galega logo de que a súa cúpula directiva ofrecese unha rolda de prensa na que aseguraba que aquel “acordo estratéxico” acordado coa Xunta hai tan só unhas semanas non era exactamente como se contara, tal e como adiantou Praza.

“Non hai ningún contrato asinado con estaleiros galegos”, dixo o pasado xoves o director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, unha frase que incluso foi feita pública pola compañía azteca no seu Twitter oficial e borrada horas despois, xusto cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aferrábase a que os contratos “estaban asinados e eran plenamente válidos” e insistía en que os dous buques hotel pactados íanse facer nos estaleiros de Barreras e Navantia. Todo, malia que desde a petroleira insistíase en que había “cláusulas suspensivas” nun acordo que “está suxeito a que a oferta lle conveña a PEP (Pemex Exploración e Produción)”.

As diferenzas entre o contado pola Xunta e o confirmado por Pemex está en que foi unha filial e non a petroleira quen asinou un contrato que non era definitivo

As declaracións caeron como unha bomba na Xunta, consciente de que dese contrato -co que prometera un investimento de case 300 millóns de euros e 3.000 empregos no naval galego durante 30 meses- dependían unha morea de familias, pero tamén de que era unha baza electoral fundamental de cara aos comicios do vindeiro 21 de outubro. Núñez Feijóo, neste mesmo sábado, vén de afirmar que "polo momento, contratáronse dous barcos", pero tamén que a petroleira "precisa 130 máis", un dato que ben seguro abre novas posibilidades para os estaleiros de Ferrl e Vigo. Logo, nunha convención con Novas Xeracións, recomendoulle á oposición que "que garde as botellas para a botaduras dos floteis", á que acusou de querer brindar por un hipotético fracaso do acordo. "Imos facer barcos, pese a quen lle pese", dixo.

As diferenzas entre o contado pola Xunta e o que confirma Pemex está no titular da sinatura en Compostela. Non foi Pemex quen asinou ese contrato cos estaleiros galegos, senón PMI, unha filial da petroleira mexicana para o mercado internacional que, tal e como asegurou Suárez Coppel, “participou e vai participar nun proceso competitivo" para que logo Pemex elixa "a mellor proposta, a máis conveniente, a que máis traia beneficios á compañía".

Malia que a transcrición da rolda de prensa era dabondo clara, Praza tivo acceso a varios cortes de audio onde Suárez Coppel deixa claro que Pemex non asinou contrato ningún cos estaleiros galegos e que a mediática sinatura que tivo lugar en Compostela o pasado 19 de setembro consistía en “asegurarse de que existe esa oferta” dos estaleiros galegos.

Praza tivo acceso aos audios onde o máximo responsable de Pemex deixa claro que a petroleira non asinou acordo ningún cos estaleiros e que terá que decidir entre varias ofertas

“O que queremos é asegurarnos de que existe esa oferta para PEP, é o que estamos asinando: asegurarse que existe esta oferta. Nin con moito é o único oferente e mentres máis haxa, mellor. O que se asinou con Galicia ten condicións suspensivas en función de que sexa a oferta máis conveniente para PEP”, di textualmente.

“O que está tratando de facer PMI é buscar eses buques tanques para vir a ofrecerllos nos mellores termos. PEP ten que comparalos con outros, facer unha análise se mercado e, aí, en función desa análise, é cando o consello de PEP ten que aprobar ou non os termos ou condicións”, insiste nos audios aos que tivo acceso este diario.

Fontes de Pemex aseguran que a petroleira decidirá en dous meses se contrata os buques en Galicia

En definitiva, o que fai PMI é buscar no mercado eses floteis e ofrecerllos a Pemex nas mellores condicións. Logo, a petroleira compara, fai unha análise de mercado e o consello elixe se contrata finalmente os buques en Galicia ou noutras zonas como Noruega e Corea, que tamén acudirán á licitación. Segundo fontes da compañía azteca consultadas por Praza, será dentro de dous meses cando a firma mexicana decida onde encarga o pedido.

Os floteis poderían construírse igual aínda que Pemex non opte pola oferta galega; nese caso PMI pagaríaos e intentaría arrendarllos a outra compañía

No entanto, tal e como se encargou de difundir a Xunta o venres á tarde, é posible que os buques se constrúan de igual maneira, aínda que Pemex non opte pola oferta galega. Nese caso, PMI sería quen os pagase para logo arrendalos a outro cliente. Segundo as mesmas fontes, esa opción “só ten sentido” se algunha compañía diferente da petroleira requirise eses barcos e llos solicitase a PMI. “Aínda que a razón de ser de PMI é facer negocios con Pemex, cabe a posibilidade de que existise outro cliente”, di a mesma fonte da petroleira, que aclara que nese caso a pregunta debería facérselle á filial e non á compañía matriz.

Expertos en México cren que o PRI "parará a operación" e que Pemex "non encargará os floteis en Galicia"

De feito, fontes expertas consultadas por Praza en México son contundentes. "Creo que o PRI vai parar isto e que Pemex non vai encargar os floteis en Galicia", aseguran. Aí radica o principal atranco da operación, xa que foi durante o actual Goberno, que deixará paso ao do PRI o 1 de decembro, o que amparou a sinatura do contrato de PMI e os posibles futuros acordos coa Xunta de Galicia.

"Todo isto sucede a dous meses de que Felipe Calderón abandone o Executivo; soa moi raro", explican as mesmas fontes, que confirma que a polémica xurdida en Pemex co asunto non gustou nada aos directivos da petroleira. "Só había que verlle a cara a Suárez Coppel; estaba de moi mal humor", aseguran as mesmas fontes, presentes na rolda de prensa de Pemex, e que sospeitan que o forte influxo e a "presión" dalgúns empresarios mexicanos de orixe galega afíns ao actual Goberno azteca tivo moito que ver no acordo coa Xunta.

Feijóo recibe o director de Pemex no Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.