O futuro da fábrica de Poligal, en Narón, e dos seus máis de 100 traballadores está hoxe un pouco menos claro. Na xuntanza que representantes do persoal mantiveron este mércores co IGAPE, o instituto público confirmou a caída dos dous grupos investidores que se barallaban como posibles compradores da factoría. O de capital estranxeiro decidiu apartarse do proceso e o de capital español, malia seguir amosando interese, nin avanzou nin concretou nada máis.
Os traballadores da planta reclaman "un compromiso político para garantir alternativas que permitan o mantemento do emprego para todo o cadro de persoal"
Os traballadores da planta reclaman "un compromiso político para garantir alternativas que permitan o mantemento do emprego para todo o cadro de persoal" e critican o "abandono" que din sentir por parte do Ministerio de Industria, do que levan "xa máis dous meses sen saber nada".
O persoal tentará manter unha xuntanza a vindeira semana co Administrador Concursal para valorar o procedemento de liquidación previsto e demandaranlle que deixe "marxe para poder buscar alternativas industrias", propoñendo que diversifique a súa procura para non cinxirse unicamente ao sector do plástico.
Segundo a CIG o propio IGAPE criticoulle ao Administrador Concursal "non ter sido máis proactivo e non ter buscado outras alternativas", sobre todo unha vez que as dúas posibles ofertas non daban pasos adiante.
Critican o "abandono" que din sentir por parte do Ministerio de Industria
“Non é unha boa noticia. Todo o que estaba pendente caeu e unha vez exploradas estas dúas vías de posibles investidores que non se concretaron hai que explorar outras que permitan garantir o emprego, que é o que nos importa. O que exiximos é que se dea unha alternativa de emprego”, afirma Alberte Amado, representante de CIG-Industria de Ferrol.
A caída das dúas ofertas que ata agora se interesaran por manter a actividade da planta e os empregos devolve o persoal de Poligal á posición de saída
O conflito laboral de Poligal supera xa os tres meses de mobilizacións, nas que o persoal foi quen de frear o proceso de liquidación da factoría de fabricación de plásticos, gañando tempo para a procura de investidores. Porén, a caída das dúas ofertas que ata agora se interesaran por manter a actividade da planta e os empregos devolve o persoal de Poligal á posición de saída.
Poligal foi un dos símbolos dos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra (o plan ZUR de 1991, o plan ZID, o plan Ferrol...), ao abeiro dos que recibiu importantes axudas públicas e subvencións para mercar solo industrial ou montar as súas naves