As xornadas festivas desta atípica Semana Santa, marcada polo confinamento derivado do estado de alarma para conter o coronavirus, traen consigo o primeiro respiro laboral para o persoal dalgunhas das principais cadeas de supermercados, tamén en Galicia. Un dos colectivos profesionais máis expostos aos contaxios e tamén, especialmente nos primeiros días da pandemia, ao medo da poboación, ten agora -nalgúns casos- un descanso adicional aos habituais que os principais sindicatos viñan reclamando e que, non obstante, non é xeral en todo o sector.
Algunhas das cadeas de supermercados con máis presenza en Galicia pechan tanto o xoves como o venres da Semana Santa
Tanto este xoves 9 como o venres día 10, os dous festivos da Semana Santa, pechan as súas portas tres das cadeas de supermercados con máis implantación no país. É o caso de Gadis, Froiz e as tendas do grupo Vegalsa-Eroski, segundo confirman as correspondentes empresas. Tamén Mercadona pecha ambos días.
No caso do grupo Día, o criterio xeral que están a aplicar é pechar o Venres Santo e manter os supermercados abertos durante o xoves en autonomías que o permitan. Non obstante, este xoves están pechadas varías das súas tendas en Galicia. Tamén optaron por manter a apertura o xoves en Alcampo -ata as 20h, especifican- así como en Carrefour, pero con horario reducido ata as tres da tarde, no seu caso.
O sábado, día 11, todas as cadeas de supermercados abrirán con normalidade e tamén o farán, en xeral, os mercados de abastos e tendas de alimentación que continúan abertos durante a crise do coronavirus por seren considerados servizos esenciais. Precisamente este pequeno comercio de alimentación percibe nas últimas semanas unha baixada nas súas vendas que contrasta coas escenas de aglomeracións nos supermercados.
Nas últimas semanas, persoal dos supermercados e sindicatos reclamaron tanto medidas de seguridade ás empresas como responsabilidade á clientela
Estas aglomeracións, así como a exposición ao contaxio, é unha das queixas máis recorrentes do persoal nos últimos días. Así o explicaba en Praza.gal un empregado dun Carrefour en Vigo, que ademais das peticións de seguridade ás empresas se dirixía tamén á clientela: "pedimos á xente que veñan o menos posible, que merque con máis cabeza; cada vez que veñen expóñense a un contaxio e tamén nos expoñen a nós", resumía.
Na necesidade de garantir a seguridade do persoal dos supermercados poñen tamén o acento sindicatos como a CIG, que nos últimos días puña o foco na necesidade de "poñer en corentena" o persoal das tendas cando exista un positivo nelas. Concretamente, as críticas da CIG referíanse a supermercados Gadis en Ribeira e Santiago e tamén ao grupo Carrefour, que a xuízo da central sindical está a primar os beneficios sobre a seguridade do persoal. Tamén CC.OO. subliña dende hai semanas a necesidade de maior seguridade e reclamou durante os últimos días que tanto o xoves como o venres fosen días de descanso para este persoal.
Precisamente Gadis saía ao paso destas reclamacións o pasado mércores subliñando que "todos os supermercados permanecerán pechados o xoves e o venres para que o persoal poida descansar" e asegurando que está a adoptar "medidas extra de protección" tanto con equipos como pantallas protectoras nas caixas como no que atinxe ás distancias de seguridade. Ademais, afirma, a empresa está a "repartir termómetros infravermellos nos seus supermercados e almacéns para medira distancia a temperatura do persoal" que poida ter síntomas de febre.