Repsol é multada con 600.000 euros por facturar a unha muller confundida con outra pontevedresa co mesmo nome

Vista de Pontevedra © Concello de Pontevedra

"Non nos atopamos ante unha incidencia de escasa relevancia", di Protección de Datos, que salienta que a empresa non contaba con medidas internas adecuadas que tiveron unha "afectación real dos dereitos" da afectada

A Axencia Española de Protección de Datos vén de facer pública unha resolución coa que sanciona con 600.000 euros de multa a Repsol Comercializadora de Electricidad y Gas SLU por unha indebida xestión interna de datos que a levou a confundir a unha pontevedresa con outra muller co mesmo nome e emitir facturas incorrectas durante medio ano. 

"Non nos atopamos ante unha incidencia de escasa relevancia ou de mera transcendencia interna, senón ante unha conduta que deu lugar á asociación indebida dos datos identificativos da reclamante a contratos de subministro de gas e electricidade que non subscribira, á comunicación de ditos datos a terceiros intervintes na xestión do subministro, á emilisión de facturas ao seu nome e á recepción de comunicacións referidas a un punto de subministro completamente alleo", salienta a resolución. 

Resolución da Axencia Española de Protección de Datos CC-BY-SA Praza Pública

Segundo Protección de Datos, a muller afectada detectou o que sucedía ao ser contactada pola empresa que fai as inspeccións obrigatorias e periódicas da instalación de gas para Repsol. Ela xa pasara a inspección pouco antes, así que ao poñerse en contacto con Repsol detectouse que o seu nome e DNI estaban asociados a outros puntos de subministro de electricidade e gas en Pontevedra correspondentes a outra muller co seu mesmo nome e apelidos.

O que pasara fora que a empresa asociara os datos da afectada cos datos da outra muller que se chamaba igual e que pedira un cambio de titularidade duns subministros sen facer máis comprobacións que o nome. Para Protección de Datos "non pode falarse dun mero erro humano illado carente de relevancia xurídica, posto que os feitos probados poñen de manifesto a insuficiencia do procedemento de cambio de titularidade e das comprobacións previas aplicadas" por Repsol, que posteriormente tivo que mellorar o seu procedemento "impoñendo buscas obrigatorias por DNI, reforzando a política de seguridade para verificar todos os datos do cliente con carácter previo a calquera xestión contractual". 

Dominio Público pxfuel

Protección de Datos impuxo inicialmente dúas sancións por 1,55 millóns de euros e agora redúceas a unha de 600.000 euros

Para Protección de Datos "tales feitos revelan unha afectación real dos dereitos da interesada e unha materialización efectiva de riscos que exceden do que podería considerarse un suposto de menor entidade merecedor exclusivamente de apercibimento". Por iso, inicialmente a axencia impuxo dúas sancións por non garantir Repsol a integridade e confidencialidade dos datos que tiña no seu poder e por non adoptar medidas internas adecuadas para o correcto tratamento dos datos sen erros, con multas de 130.000 e 1.250.000 euros respectivamente. Porén, a empresa recorreu e agora vén de lograr que a axencia anule a primeira sanción por considerala que eses feitos xa están incluídos dentro dos catalogados na segunda sanción, e á súa vez lle rebaixa esta a 600.000 euros.

Hai un ano Praza.gal xa revelou que Endesa tamén foi sancionada con 200.000 euros por Protección de Datos por confundir os datos de dous clientes de Vigo e cortar a luz a un deles ao trabucar o seu enderezo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.