Endesa é sancionada con 200.000 euros por cortar a luz a un vigués ao trabucar o seu enderezo

Vista xeral do centro de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de sancionar a Endesa Energía cunha multa de 200.000 euros por trabucar os datos dun cliente e cortarlle a luz en Vigo logo de que outra persoa pedise mudar de compañía eléctrica nun domicilio veciño. A sanción tamén dá á empresa seis meses para que acredite correccións nos seus sistemas de tratamento de datos que garantan o cumprimento da normativa. 

Resolución da Axencia Española de Protección de Datos que sanciona a Endesa CC-BY-SA Praza Pública

Protección de Datos considera moi grave que a empresa non comprobase o Código Universal de Punto de Subministro (CUPS), identificador exclusivo de cada subministración de electricidade ou gas

Segundo a resolución agora feita pública, en marzo de 2022 unha persoa co enderezo case igual que o da afectada pero residente nun portal distinto contratou o subministro de luz e gas con Endesa. O axente comercial desa compañía rexistrou todos os datos do novo cliente agás a indicación do portal e non detallou o seu correspondente Código Universal de Punto de Subministro (CUPS), identificador exclusivo de cada subministración de electricidade ou gas. 

Un mes máis tarde o novo cliente pediu a cancelación do seu contrato e o resultado foi que, ao non comprobarse que eran CUPS distintos en enderezos distintos, en lugar de dar de baixa a ese novo cliente foi a persoa afectada que non fixera nada quen quedou sen subministro. 

A Xunta tamén considerou que o sucedido "obedece substancialmente aos erros" cometidos por Endesa

A persoa afectada presentou reclamación ante a Xunta, que estableceu que houbo un corte indebido do subministro que "obedece substancialmente aos erros" cometidos por Endesa. Esta, pola súa parte, chegou a alegar no proceso, sen éxito, que o erro fora da persoa que contratara o novo servizo e despois o dera de baixa por non advertir que o seu enderezo era incorrecto.

Vista xeral de Vigo CC-BY-NC-SA Praza.gal

A axencia de protección de datos considera que Endesa actuou "con falta de dilixencia no cumprimento das súas obrigas" xa que "bastaría que dita entidade cumprise a súa normativa específica, comprobando a documentación achegada" e identificando o novo usuario co CUPS seu enderezo e non co da persoa afectada. Así, o tratamento erróneo dos datos que fixo Endesa foi unha infracción moi grave que é sancionada cunha multa de 200.000 euros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.