Protección de Datos sanciona á coruñesa Sidecu, propietaria dos ximnasios Supera, tras unha denuncia de Facua-Consumidores en Acción
A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de impoñer unha sanción á empresa Sidecu SA, con sede na Coruña e propietaria da cadea de ximnasios Supera, por impoñer nos seus centros un sistema de recoñecemento facial para o control de acceso da súa clientela. A sanción era de 160.000 euros pero "tras proceder Sidecu SA ao pronto pago e recoñecemento de responsabilidade" foi reducida a 96.000 euros.
A sanción foi divulgada este mércores por Facua-Consumidores en Acción, que formulou a denuncia contra a empresa en 2023 "tras ter coñecemento a través dos seus socios de que os establecementos desta cadea de ximnasios implantaran un sistema de recoñecemento facial como única forma de permitir o acceso". A asociación considerou que se estaba realizando un tratamento ilícito dos datos biométricos dos usuarios, o que supuña unha vulneración da normativa de protección de datos.
Facua-Consumidores en Acción salienta que a empresa, con sede na Coruña, ten 30 centros repartidos por 21 concellos de toda España. "A AEPD confirmou que efectivamente existiu unha vulneración da norma nos feitos denunciados", di a asociación: "en concreto, tres infraccións do Regulamento Xeral de Protección de Dato por vulnerar artigos referentes á prohibición de tratamento de determinados datos sen solicitar o consentimento expreso, entre outros.
O recoñecemento facial "foi imposto a todos os seus usuarios sen que existise unha alternativa para quen non quixese usalo"
Na súa resolución, a AEPD sinala que os datos biométricos, sempre que se traten coa finalidade de identificar a unha persoa, como no caso dun control de acceso, entran dentro da categoría de datos de carácter persoal de categoría especial, cuxo tratamento está xeralmente prohibido a non ser que se obteña o "consentimento explícito" da persoa. Pero o control de acceso mediante recoñecemento facial "foi imposto a todos os seus usuarios sen que existise unha alternativa para quen non quixese usalo", salienta a asociación de consumidores.