Sen a empresa e coa axuda do Estado, a única esperanza en Alcoa a unha semana dos despidos

Persoal de Alcoa, ante o Ministerio de Industria © @TraballadoAlcoa

O persoal de Alcoa na Coruña e en Avilés afronta este martes outro día clave no conflito aberto desde que o pasado 17 de outubro a multinacional do aluminio anunciou o peche das súas factorías nas dúas cidades. Está moi preto o desenlace xa que xusto dentro dunha semana, o día 15, remata o tempo de negociación do ERE presentado e podería empezar xa a despedir os 369 traballadores da factoría coruñesa e os 317 da asturiana. As posturas mantéñense moi afastadas. A empresa nin pensa en retirar o expediente de regulación de emprego e mantén o obxectivo inicial de botar o feche. Os operarios tampouco agardan nada da firma estadounidense e no seu horizonte só contemplan a continuidade das plantas pero sen Alcoa. Pero para iso precísase a intervención do Estado, dun Goberno central ao que os sindicatos acusan de manter unha postura morna e covarde. 

A próxima semana, o día 15, remata o tempo de negociación do ERE e a empresa podería empezar cos despidos

Ante iso, persoal galego e asturiano, desprazado en autobuses e coches particulares, manifestouse ás 11.30 ante o Ministerio de Industria en Madrid pedindo xa unha proposta alternativa que evite o peche e os despedimentos e unha “intervención” para unha posterior venda das plantas a outro grupo industrial que o Executivo do PSOE non só non formula senón que chegou a rexeitar de malos modos. “Non estamos nun país comunista”, advertiu a ministra Reyes Maroto, entre críticas da oposición de esquerda e referencias a fórmulas semellantes que si se tomaron noutros países europeos. 

A multinacional dos Estados Unidos non dá facilidades e sabe que retomar a produción logo de que se paralice supón un custo difícil tamén de asumir por calquera alternativa. Por iso tamén, a folga que –como este martes– manteñen os operarios implica uns servizos mínimos importantes que manteña a actividade constante nas factorías.

Persoal, sindicatos e parte da oposición esixen a "intervención" do Estado para poder vender as plantas a outro grupo

Os representantes do persoal insisten en pedir unha reacción de vez do Estado, a unha semana de que as cartas de despido empecen a chegar aos traballadores. A única medida foi un decreto de medidas para a industria electrointensiva que o propio Goberno central recoñeceu que non solucionaba o conflito de Alcoa, ademais de incluír medidas de máis calado a varios meses vista, se cadra cando as plantas xa estean pechadas.

A ministra de Industria pide a Alcoa que demore o ERE seis meses para ter tempo para buscar solucións

A ministra de Industria, Comercio e Turismo. Reyes Maroto, demandou ester martes a Alcoa "responsabilidade" para negociar unha saída aos peches das plantas e acusou a compañía de ser a "responsable" da perda de centos de empregos ao "estar a bloquear" as posibles "solucións" para o mantemento da actividade produtiva en Galicia e Asturias. Ao tempo, solicitou en nome do Ministerio "tempo" á multinacional para atopar solucións e reclamou que "demore uns seis meses o ERE". Non parece que a multinacional estea disposta a facerlle caso. 

Persoal de Alcoa, ante o Ministerio de Industria © @TraballadoAlcoa

A empresa mantén a súa idea de pechar as fábricas e deslocalizar a produción para levala a Arabia Saudita

Alcoa insiste en que as dúas fábricas sinaladas son menos competitivas e cuns custos fixos –en boa parte pola factura eléctrica-- moi elevados, ademais de manter unha tecnoloxía obsoleta malia ter cobrado centos de millóns de euros en axudas nos últimos anos. A empresa quere desinvestir e deslocalizar e o persoal xa conta con que o ERE acabe no xulgado mentres agarda que o Goberno central, como fixo con outras industrias, atope outro comprador. Mentres, os traballadores, sindicatos e parte da oposición piden a intervención a través da SEPI ou que a multinacional traspase as plantas ao Estado, as mesmas que xa eran del e que foron privatizadas polo Executivo de Aznar hai máis de vinte anos. 

De non haber novidades por parte das Administracións, os operarios xa advirten de que as protestas virarán cara a elas. Contra a Xunta e contra o Goberno central. En xogo, uns 700 empregos directos e uns 2.000 indirectos. E a agonía dunha industria en decadencia. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.