Só un de cada tres parados galegos percibe prestación por desemprego

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Arredor de só un da cada tres parados galegos (o 37%) percibe algún tipo de prestación, polo que hai máis de 180.000 persoas desempregadas no país que non reciben ningún subsidio. Así o asegura un estudo da Fundación 1º de Maio elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste centro de estudos. O obxectivo do traballo non é outro que "determinar cantos dos máis de seis millóns de parados que a EPA recoñece en España carecen de subsidio de desemprego", contrapoñendo así os datos dunha taxa de cobertura que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego, pero non na devandita Enquisa de Poboación Activa.

Tan só un de cada seis mozos galegos parados percibe prestación por desemprego

Neste detallado e completo informe, titulado Taxa de protección por paro segundo comunidade autónoma, sexo e idade, asegúrase tamén que as mulleres teñen en Galicia unha taxa de protección -en contraposición coa taxa de cobertura- doce puntos inferior á dos homes, así como que entre os mozos menores de 30 anos, tan só un da cada seis percibe prestación (o 17,3%), o que supón máis de 65.000 persoas novas.

Do mesmo xeito, no estudo aclárase que entre as persoas de entre 30 e 44 anos a taxa de protección é do 37,1%, polo que tamén algo máis dun cada tres (unhas 65.000) percibe algún subsidio de desemprego, aínda que a taxa feminina é dezaseis puntos menor. No entanto, é entre os parados maiores de 45 anos onde se dá maior protección, xa que algo máis dun de cada dous está protexido, aínda que esta taxa entre as mulleres é nesta ocasión vinte e tres puntos inferior á dos homes.

No conxunto do Estado, só o 35% dos parados cobra o subsidio de desemprego

Os datos galegos son semellantes á media do Estado, onde só un de cada tres parados percibe prestacións, un 35,1%. En total, serían máis de catro millóns as persoas paradas que non reciben subsidio ningún, unha situación que é aínda peor para as mulleres, cunha taxa de protección dez puntos inferior á dos homes.

En canto aos máis novos, no conxunto de España só un de cada seis menores de 30 anos parados percibe prestación (o 15,7%), o que supón que un millón e meio de mozos non conta con subsidio ningún de desemprego, unha taxa semellante entre homes e mulleres. Entre os 30 e 44 anos, a taxa de protección sobe ao 38%, mentres que entre os maiores de 45 anos, a metade dos parados si cobra algún subsidio das oficinas de emprego.

Os datos do Goberno aseguran que dous de cada tres parados perciben prestación, pero o informe asegura que só un de cada tres está protexido

No informe, Enrique Negueruela diferencia entre taxa de protección de parados e taxa de cobertura, sendo os seus datos totalmente diferentes. Segundo as cifras de abril coñecidas este mesmo luns, a taxa de cobertura no Estado ascende ao 63,4%, incluíndo o Plan Prepara, mentres que a taxa de protección de parados sería en realidade do 35,2% en España. "A diferenza é moi notoria: de dicir que case dous de cada tres desempregados perciben unha prestación, a afirmar que case só un de cada tres está protexido", aclara o autor do estudo.

"A taxa de cobertura calcúlase a partir do rexistro de parados que, agás para os perceptores, é voluntario", asegúrase no informe, que recorda que a EPA fixa no primeiro trimestre de 2013 que hai máis de 834.000 persoas paradas que non están inscritas nas oficinas de emprego. 

Así, a taxa de cobertura, aínda que ten en conta a todos os que cobran algunha prestación, só inclúe os demandantes parados rexistrados e os eventuais do subsidio agrario, que non figuran no cómputo de paro rexistrado. "Non é posibel co nivel de desglose dos datos establecer para o resto de non parados que cobran prestación, cal é a súa situación en relación co emprego debido á multiplicidade de casos que se poden dar", asegura Negueruela.

 

Taxa de protección por paro no Estado © F. 1º de Maio
Taxa de protección por paro en Galicia © F. 1º de Maio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.