Traballo frea a intención do novo convenio téxtil de facilitar os contratos temporais e de substitución

Protesta contra o convenio estatal ARTE durante unha folga do comercio téxtil na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

O Ministerio de Traballo suspendeu a tramitación do polémico convenio estatal do comercio téxtil e de calzado que a patronal ARTE (Asociación Retail Textil España) —que agrupa xigantes da moda como Inditex, Mango, Primark ou H&M— asinou hai pouco máis dun mes cos sindicatos CCOO e Fetico, un novo marco laboral que rexeitan UGT e CIG e que en Galicia ergueu (e ergue) masivas protestas e folgas durante meses lideradas polas dependentas das principais marcas. 

A resolución asinada o pasado 7 de xullo pola Dirección Xeral de Traballo paraliza temporalmente a inscrición do que supón o primeiro convenio estatal das grandes cadeas de distribución de moda, que en Galicia abrangue unhas 35.000 persoas e que é rexeitado maioritariamente. CIG, UGT e boa parte do persoal entenden que supón un empeoramento das condicións laborais e a perda de numerosos dereitos, ademais dunha considerable redución salarial en moitos casos. 

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nun acto en Avilés o pasado 3 de xullo CC-BY-SA Ministerio de Traballo

O ditame require case unha vintena de correccións, a maioría menores ou de forma, pero arredor dun terzo delas aluden a cuestións claves que, en varios casos, atenden ás alegacións presentadas pola CIG ou UGT e vulneran o Estatuto dos Traballadores. As principais fan referencia ás condicións para a contratación temporal e de substitución que prevía o texto, que o Ministerio insta a mudar por incumprir a lexislación laboral, ou ao que ten que ver coa prioridade de aplicación do convenio e á concorrencia de varios marcos laborais vixentes. 

Traballo nega que a apertura ou reforma de tendas avale a contratación temporal, como di o convenio, e pide que se revise a "expansiva definición" deste tipo de contrato

A resolución, á que tivo acceso Praza.gal, deixa claro á patronal e aos sindicatos asinantes que o convenio excédese nas posibilidades que dá para asinar contratos temporais por circunstancias de produción, ao incluír supostos que non se contemplan no Estatuto dos Traballadores. 

"A actual redacción vulnera, ao noso xuízo, a norma", aclara o Ministerio, que lembra que os "requisitos esenciais" para poder dar validez a unha contratación temporal por circunstancias da produción implican que o incremento de actividade sexa "ocasional e imprevisible". No entanto, o convenio inclúe supostos para poder contratar temporalmente como a apertura de novas tendas, a ampliación ou reforma dalgunha xa existente ou a falta dun histórico de vendas nun centro de traballo. A resolución advirte que estes requisitos "poden xerar un risco de nulidade de temporalidade nos contratos que as inclúan" e insta a revisar a "expansiva definición" que fai desta contratación excepcional para poder adaptarse á lei. 

As obxeccións tamén son claras por parte do Ministerio no que ten que ver cos contratos de substitución. O convenio permitía utilizar esta modalidade para substituír traballadores desprazados temporalmente a outros centros ou que asistisen a cursos de formación. 

O Ministerio nega ao convenio de ARTE a posibilidade de facer contratos de substitución para cubrir persoal desprazado ou en cursos de formación

Traballo reclama a eliminación destas causas ao non encaixar coas previstas no Estatuto dos Traballadores, que limita este tipo de contratación á necesidade de "cubrir situacións de persoas con reserva de posto de traballo" ou para "completar a xornada reducida deixada por outra persoa". 

A resolución aclara que non se pode aplicar ningún destes supostos "cando a causa da substitución desta persoa é a asistencia temporal a cursos formativos, nin tampouco polo feito de que lle ordenen acudir a prestar servizos temporalmente a outro centro de traballo". Por iso, di Traballo, o texto deberá adaptarse ás exixencias que establece o Estatuto dos Traballadores. 

Mobilización de dependentas do comercio téxtil ante a sede de Inditex CC-BY-NC-SA CIG

En canto aos dereitos de conciliación, Traballo obriga a que o convenio retire a prohibición de que o persoal con contratos temporais poida solicitar unha excedencia voluntaria e aclara que "as persoas con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os de duración indefinida", tal e como aclara o Estatuto dos Traballadores. 

Traballo obriga a retirar a prohibición de que o persoal temporal poida solicitar unha excedencia voluntaria

Ademais, pide adaptar a regulación das excedencias por coidado de familiares, incorporar os últimos cambios legais sobre violencia sexual e endurecer as garantías exixidas ás empresas cando limiten reducións de xornada por garda legal, entre outras demandas. 

En canto a outros aspectos, o Ministerio sinala tamén o artigo do convenio que indica que os convenios provinciais do téxtil no País Vasco terán "prioridade aplicativa" respecto do estatal, un acordo ao que se chegou logo da presión sindical e a forte mobilización en Euskadi. A resolución aclara que esta prioridade dos marcos laborais provinciais pode darse no caso dun acordo interprofesional de ámbito autonómico pero non sobre unha negociación a nivel estatal, de aí que reclame a eliminación ou a "profunda modificación" desta parte do texto. 

"Proceso administrativo habitual"

Por outra banda, entre as demandas de correccións que fai Traballo tamén as hai referidas ás referencias á concorrencia de convenios, con pequenos cambios que, segundo a CIG, atranca a intención da patronal de "darlle prioridade de aplicación a un convenio estatal con condicións moi inferiores para as persoas traballadoras galegas e prohibir expresamente no redactado do convenio a negociación colectiva en ámbitos inferiores, como o provincial". 

A patronal ARTE asegura, ante as exixencias de Traballo, que a tramitación do convenio segue con normalidade e que non supoñen a paralización do procedemento senón que son froito do "proceso administrativo habitual" e un trámite ordinario previo á súa inscrición. Con todo, a representación empresarial xa convocou vía telemática a todos os sindicatos da mesa negociadora (tamén aos que non asinaron o texto) para o vindeiro martes 14 para abordar a rectificación do convenio e adaptarse ás exixencias do Ministerio. 

Mobilización contra o convenio estatal de ARTE, en Pontevedra CC-BY-NC-SA CIG

Para a CIG, a paralización da tramitación do convenio dá a razón a boa parte das súas reclamacións e insiste en que o persoal galego das empresas afectadas polo convenio de ARTE "pasarían a un convenio moi inferior aos provinciais polos que se rexe agora”, ademais de perder capacidade de negociación desde Galicia. Para o persoal das empresas do resto de sectores de comercio vario non afectadas por ARTE, o convenio "tería como consecuencia a progresiva desaparición da negociación dos seus convenios provinciais".

Desde UGT aseguran tamén que a resolución de Traballo reflicte boa parte das advertencias que o sindicato xa lanzara sobre un convenio colectivo estatal que, segundo di, "non só recorta dereitos respecto dos convenios territoriais, senón que é peor que a propia lexislación laboral". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.