Dependentas do comercio téxtil e de calzado trasladaron o pasado martes as súas protestas ás portas da sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago para demandarlle a sinatura dun acordo marco interprofesional que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e "impida así que se apliquen os recortes de dereitos do convenio estatal", tal e como xa se acordou no País Vasco ou en Cantabria. A acampada reivindicativa, que sumaba quince días na Coruña e instalouse na mañá de onte na rúa do Vilar, foi desaloxada á noite e o persoal mobilizado xa prepara novas protestas.
As traballadoras e os traballadores do sector deron un paso máis nas constantes mobilizacións e folgas —convocadas por CIG e UGT— que levan a cabo desde hai meses contra o convenio de ámbito estatal asinado pola patronal que agrupa as grandes multinacionais téxtiles (con Inditex á cabeza) e os sindicatos CCOO e Fetico.
Acamparon dúas semanas ante a sede da patronal coruñesa e este martes unhas horas ante a da galega. O presidente desta última, Juan Vieites, non só non atendeu as demandas senón que criticou actitudes de "acoso e derruba" contra persoas concretas, amosou o seu "malestar" e acusou as dependentas mobilizadas de "exceder os límites, tanto na Coruña como aquí", en referencia á protesta ante a CEG.
Dependentas trasladaron a acampada reivindicativa que mantiñan ante a patronal coruñesa ás portas da patronal galega en Santiago e foron desaloxadas horas despois
"Algunha persoa tivo que darse de baixa por motivos de saúde por ese acoso e derruba, en concreto a secretaria xeral da Coruña", denunciou Vieites, que mesmo asegurou que a asemblea da patronal decidira "transmitir tanto ao Consello Galego de Relacións Laborais como ao Consello Económico e Social que estes non son os camiños para chegar a consensos e acordos". "Todo se pode discutir, todo se pode falar, pero pasar os límites como se está pasando, focalizando en persoas determinadas... Ao final, as empresas deixarán de asistir", ameazou o pasado martes ás portas da sede da CEG respecto de futuras negociacións.
Vieites acusa as traballadoras de "exceder os límites" coas súas protestas e trasladou ao Consello Galego de Relacións Laborais o seu malestar: "Non son os camiños"
Na Coruña, o campamento de protesta das traballadoras sumou quince días diante da sede da patronal coruñesa por ser, din, "a máis reticente a avanzar neste marco galego" e por negarse "de xeito sistemático" a abrir a negociación para un novo convenio provincial tras caducar o actual o pasado 31 de decembro. Vieites asegura que na confederación da Coruña "están dispostos a seguir falando, pero non baixo presións".
Así, este mércores, a CIG responsabilizou a patronal da Coruña e a Inditex do "bloqueo ao acordo marco galego no comercio" e di que a confederación de empresarios coruñesa, "influída" pola multinacional, é "o principal obstáculo par blindar os convenios provinciais". A delgada sindical da central, Lucía Domínguez, asegura que o propio Vieites lle recoñece nunha conversa informa que era a entidade coruñesa a que se opuña a un pacto a nivel de toda Galicia.
Mentres a Xunta mantén silencio, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, instou as empresas a "ter en conta" as "demandas lexítimas" das traballadoras nun momento "óptimo" para o sector. "Cando as cousas van ben hai que tamén repartir, facer derivar eses beneficios e bos momentos económicos aos traballadores", insistiu.
A CIG acusa a patronal coruñesa e a Inditex de "bloquear" o acordo galego para blindar os convenios provinciais
Desde CIG e UGT insisten en que o novo convenio estatal supón "un retroceso dos dereitos conquistados nos últimos anos" a través da mobilización e da negociación colectiva provincial, ademais de establecer "condicións diferentes" nunha mesma tenda entre o persoal xa contratado e o eventual ou de nova incorporación, "que terá peores salarios e menos dereitos".
Segundo explican, e de "maneira temporal", as condicións do persoal das provincias de Pontevedra e Lugo estarían protexidas polos convenios provinciais que se veñen de asinar, pero a aplicación do acordo impulsado pola patronal ARTE implicará "percibir entre 2.000 e 5.000 euros menos ao ano na Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade recollido nos convenios de Lugo e Ourense; a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura, reducir a planificación de horarios e calendarios ou autorizar a contratación fixa-descontinua a tempo parcial".