Un de cada catro empregos en Galicia está "exposto" ao impacto da aplicación da IA xerativa

Unha persoa emprega Chat GPT nun ordenador CC-BY-SA Matheus Bertelli

A OCDE conclúe que o 24,7% dos empregos galegos (un de cada catro) están expostos á IA xerativa, unha porcentaxe se sitúa un pouco por debaixo da media española (27,4%) e da media dos países máis desenvolvidos do planeta (26%).

As aplicacións de Intelixencia Artificial (IA) xerativa -que poden xerar contidos novos a través da aprendizaxe- están xa a xerar unha auténtica revolución en moitos ámbitos e van ter un impacto significativo e crecente no mundo laboral. Son moitas as actividades e procesos nos que a IA vai substituír a acción humana, transformando para ben ou para mal algunhas das actuais ocupacións de moitos traballadores e traballadoras. 

Este xoves a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) publicou o informe Job Creation and Local Economic Development 2024: The Geography of Generative AI  (Creación de emprego e desenvolvemento económico local 2024: a xeografía da IA xerativa), un documento que analiza en termos xerais o diferente impacto que a IA xerativa pode ter no futuro inmediato no mercado laboral de cada país e tamén das rexións que os compoñen.

O informe non valora se o impacto da IA será positivo ou negativo ou se este derivará nunha simple transformación dese posto de traballo ou na supresión dese emprego

O informe non entra a valorar se este impacto será positivo ou negativo ou se este derivará nunha simple transformación dese posto de traballo -facilitando o labor da persoa empregada, liberada da realización de actividades repetitivas ou pesadas- ou na supresión dese emprego. O documento tan só calcula a "exposición" relativa que cada sector ten a esta nova tecnoloxía e o seu efecto en cada territorio, en función das características do mercado laboral en cada lugar.

Así, a OCDE conclúe que o 24,7% dos empregos galegos (un de cada catro) están expostos á IA xerativa, unha porcentaxe se sitúa un pouco por debaixo da media española (27,4%) e da media dos países máis desenvolvidos do planeta (26%). Dentro do Estado español destaca o caso da comunidade de Madrid, onde o 36,6% dos empregos están expostos á intelixencia artificial, moi por riba dos datos de Cataluña ou País Vasco, que roldan o 30%.

O 6,9% dos postos de traballo en Galicia están en "alto risco" pola automatización, unha porcentaxe que supera a media española (5,9%) pero que se sitúa moi por debaixo da media dos países desenvolvidos (12%)

No outro extremo, en Castela-A Mancha ou Estremadura a afección non chega ao 20%. Galicia aparece como o sétimo territorio entre as 17 comunidades autónomas con máis postos de traballo posiblemente afectados.

O informe analiza tamén os empregos con máis risco debido á súa "automatización" e os territorios nos que este efecto está máis presente e nos que xa provocou efectos de transformación do emprego nas últimas décadas. Neste caso, a OCDE indica que só o 6,9% dos postos de traballo en Galicia se atopan en "alto risco", unha porcentaxe que supera a media española (5,9%) pero que se sitúa moi por debaixo da media dos países desenvolvidos (12%).

Os sectores máis expostos á IA xerativa son os de comunicación e informática, financeiro, de profesións técnicas e científicas, do sector inmobiliario ou da administración pública

A estatística indica grandes diferenzas dentro do Estado español entre as comunidades autónomas con máis empregos máis e menos expostos a esta automatización, comezando por rexións con gran peso da produción agrícola, como Murcia, o mesmo que outros territorios con moito emprego industrial como A Rioxa, Navarra e Euskadi. No outro extremo, comunidades con gran peso do sector turístico, como Canarias e Baleares, aparecen como as menos afectadas pola automatización.

A IA xerativa transformará moitos postos de traballo, pero o seu impacto será maior nas rexións que estiveron menos expostas ás pasadas ondas de automatización, di a OCDE

O informe da OCDE mesmo traza unha relación entre as dúas variables, concluíndo que en xeral os territorios cun mercado de traballo máis exposto á automatización están menos expostos á IA xerativa, e viceversa. "A IA xerativa transformará moitos postos de traballo, pero o seu impacto será maior nas rexións que estiveron menos expostas ás pasadas ondas de automatización", sinala nas conclusións do documento.

Neste senso, a organización alerta de que esta nova tecnoloxía pode ter efectos moi distintos nunhas e noutras rexións, levando a abrir fendas de desenvolvemento e tamén de xeración e de destrución de emprego entre uns e outros territorios. E advirte de que "a IA xerativa podería ter un impacto no mercado laboral moito máis amplo que as tecnoloxías anteriores que impulsaban a automatización de tarefas, afectando a un grupo máis amplo de persoas e lugares".

Reino Unido, Países Baixos, Canadá, Suíza, Suecia, Nova Celandia, Irlanda, Alemaña, Bélxica, Noruega, Austria, Francia ou Dinamarca aparecen como os países cun mercado laboral máis exposto especialmente as súas área,s urbanas

Os sectores laborais máis expostos á IA xerativa son os ligados a actividades de comunicación e informática, do sector financeiro, de profesións técnicas e científicas, do sector inmobiliario ou da administración pública, sectores altamente cualificados na súa maioría. Os territorios cun maior peso destas profesións son os que se poden ver máis afectados.

O Reino Unido, Países Baixos, Canadá, Suíza, Suecia, Nova Celandia, Irlanda, Alemaña, Bélxica, Noruega, Austria, Francia ou Dinamarca aparecen como os países cun mercado laboral máis exposto á chegada da IA xerativa, especialmente as súas áreas urbanas (en Londres o 75% dos empregos está exposto). O Estado español é un dos menos afectados, debido ao peso do sector turístico, entre outros factores.

A OCDE fai un chamamento a levar a cabo políticas públicas que axuden nas posibles transicións e transformacións que se produzan en cada sector

Nas súas conclusións, a OCDE fai un chamamento a levar a cabo políticas públicas que axuden nas posibles transicións e transformacións que se produzan en cada sector, limitando deste xeito os posibles efectos negativos sobre o emprego da chegada desta nova tecnoloxía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.