Inspección detectou en empresas de Galicia 414 infraccións por fraude nos ERTE, que supuxeron case 2 millóns de euros en sancións
A Inspección de Traballo detectou fraude en un de cada seis Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) investigados en Galicia. Este instrumento, que mantivo en pé milleiros de compañías e postos de traballo golpeados pola crise económica derivada da COVID, foi tamén utilizado por moitas empresas para aproveitarse ilegalmente das axudas e tirar partido fraudulentamente dos cartos públicos.
En total, a Inspección detectou en empresas de Galicia 414 infraccións por fraude nos ERTE, que supuxeron case 2 millóns de euros en sancións. Concretamente, 1.959.964,71 euros en multas, segundo os datos ata o pasado 1 de xuño facilitados polo Ministerio de Traballo.
As 414 infraccións detectadas supoñen o 16% dos expedientes abertos pola autoridade laboral en Galicia durante a campaña de control da legalidade dos ERTE impulsados pola pandemia. Foron, ata ese 1 de xuño, 2.492 actuacións iniciadas, das que unha de cada seis acabou en multa.
O número de infraccións non implica que sexan 414 as empresas sancionadas en Galicia, xa que pode haber algunha compañía con máis dunha multa, tal e como aclaran a Praza.gal fontes do ministerio que dirixe Yolanda Díaz.
Os testemuños de traballadores afectados por estes abusos revelan que unha das fraudes máis habituais foi -e aínda é- a dos empregados que traballan máis horas das que teñen recoñecidas nos ERTE parciais de redución de xornada. "Durante varios meses, con ERTE parcial de media xornada, traballei a xornada completa, cobrando a metade en negro, loxicamente", relata a Praza.gal un dos afectados. Nalgúns casos, e para evitar precisamente as inspeccións, as horas en negro facíanse "desde a casa, en remoto".
Unha das fraudes máis habituais é a dos empregados que traballan máis horas das que teñen recoñecidas nos ERTE parciais
Habitualmente, o empregado ou empregada cobra o salario enteiro ou mesmo máis, pero a empresa aforra parte do soldo e boa parte das cotas da Seguridade Social. "Nun contrato de 40 horas semanais, podes aforrar entre 800 1.000 euros ao mes", relata un traballador coñecedor de varias fraudes deste tipo entre comerciais da hostalaría, un dos sectores máis afectados polos ERTE e, en consecuencia, polas fraudes.
Outra das actuacións máis sancionadas e investigadas é aquela consistente en manter a actividade do negocio malia estar a empresa oficialmente en ERTE de suspensión. "Traballar a porta pechada tamén foi habitual", relata outro traballador.
A ministra Díaz xa advertira de que os inspectores estaban a atoparse cunha parte de empregadores que decidían "manter no ERTE os seus empregados e mandalos traballar sen cumprir as obrigas de dalos de alta e pagar cotizacións e salarios". Ademais, avisara de que algunhas das prácticas irregulares detectadas "non só supoñen unha sanción administrativa grave, senón que poden ter responsabilidades penais".
Desde o Sindicado de Inspectores de Trabajo y Seguridad Social (SITS) sinalábanse tamén outras fraudes habituais: a de empresas que incumpren o compromiso de mantemento do emprego ou negocios que contratan novos empregados tendo outros en ERTE.
A proporción de infraccións na campaña de investigación aberta en Galicia é moi semellante á detectada no conxunto do Estado. Inspección de Traballo finalizou 33.553 expedientes en España e detectou 5.459 infraccións, alcanzando a fraude tamén a un 16% das empresas investigadas e 26 millóns de euros en sancións.
No entanto, si é moita maior a proporción de comparar coa media da fraude detectada pola autoridade laboral a nivel global. Así, Inspección de Traballo atopou máis de 89.000 infraccións en 2019 dun total de 1,06 millóns de actuacións realizadas, un 8,4% do total, case a metade da porcentaxe de incumprimentos detectados na campaña dos ERTE.
En Galicia, e segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do 13 de agosto, atópanse en situación de ERTE --parcial ou temporal-- 11.083 persoas, fronte aos máis de 75.000 de xuño de 2020.