Unha sentenza do TSXG dá pulo aos convenios laborais que limitan a contratación a través de ETTs

Mobilización contra a precariedade laboral no sector da automoción © CIG

En marzo de 2017 asinouse o novo convenio de Limpeza de Edificios e Locais da provincia da Coruña. O texto incluía no seu artigo 35 a prohibición de realizar contratos eventuais con empresas de traballo temporal "por circunstancias do mercado", subliñando que "o presente contrato só será de aplicación para o persoal que preste servizos directamente para as empresas do sector, nunca aos de empresas de traballo temporal".

O TSXG recoñece a legalidade dos convenios que limiten a contratación eventual a través de ETTs

Asempleo, a patronal do sector de Empresas de Traballo Temporal, presentou unha demanda contra o convenio, afirmando que a exclusión das ETT era ilegal e reclamando a súa modificación. Porén, o TSXG vén de reafirmar a legalidade destes documento, apoiándose ademais na xurisprudencia creada ao respecto na Unión Europea, tanto na sentenza ditada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea tras unha denuncia de Shell Aviation como na propia propia directiva 2008/104/CE.

A sentenza recoñece a falta de lexitimación das ETT para demandar por ilegalidade os convenios que inclúan este tipo de cláusulas, ademais de non acreditar lesividade á patronal denunciante. “A propia directiva europea 2008/104/CE admite restricións e excepcións ás ETT por motivos lexítimos, como son a protección das persoas traballadoras en materia laboral ou por saúde; non hai que esquecer que o preocupante aumento nos accidentes laborais e a alta mortalidade ten que ver co precario mercado laboral español, onde as ETT teñen especial incidencia”, sinala a sentenza do TSXG a este respecto.

Protesta da CIG ante a oficina dunha empresa de traballo temporal © CIG

A sentenza "crea un precedente importante" ao desmontar a estratexia da propia patronal Asempleo de atacar todos os convenios que inclúan limitacións ás ETT

A CIG celebrou o ditame do TSXG, subliñando o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco Sío, que “con esta decisión xudicial quedan limitada as posibilidades de impugnación dos nosos convenios por parte destas asociacións”. O propio TSXG xa lle dera tamén a razón á CIG na sentenza do 11/12/2014 e validara a limitación da contratación por ETT no sector do Metal da provincia de Pontevedra, agás nos supostos de substitución por IT, vacacións ou licenzas.

O sindicato salienta que a sentenza "crea un precedente importante" ao desmontar a estratexia da propia patronal Asempleo de atacar todos os convenios ao longo do Estado español que inclúan limitacións ás ETT. “Esta estratexia fixo efecto en diferentes convenios fóra de Galiza, xa que os sindicatos españois decidiron retirar estas cláusulas dos seus convenios, aceptando os argumentos de Asempleo sen necesidade de sentenza”, afirma Paco Sío.

A CIG denuncia que a Xunta está a favorecer a campaña de Asempleo para desregular o uso de ETT

A CIG iniciou en 2017 unha campaña de loita contra as novas formas de explotación laboral e a precariedade, “das que as ETT forman parte activa deses mecanismos de empobrecemento da clase traballadora", sinala Paco Sío. Unha das medidas adoptadas pola CIG foi introducir nas plataformas dos seus convenios a prohibición desta forma de explotación laboral.

O sindicato denuncia, así mesmo, que a Xunta está a favorecer a campaña de Asempleo para desregular o uso de ETT. A CIG advirte de que o Goberno galego "ten paralizados sen rexistrar convenios galegos por incluír este tipo de cláusulas” e denuncia que se comporta "a favor da patronal das ETT" e "indo en contra do que acordan a patronal galega e os traballadores/as galegos/as nos seus convenios”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.