Visións sindicais para outro Primeiro de Maio en Galicia

José Antonio Gómez (UGT), Suso Seixo (CIG) e José Manuel Sánchez Aguión (CC.OO.), nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Merixo

Galicia chega ao Primeiro de Maio con novos datos da EPA, os que colocan o país coa terceira maior suba do desemprego no primeiro trimestre do ano, un incremento que equivale a tres cuartas partes do aumento do paro en España. Cunha taxa de actividade semellante á de antes da crise, as cifras reflicten 160.000 persoas menos a traballar e 108.800 máis no paro que a comezos de 2008. Ademais, a precarización, a temporalidade e a emigración, sobre todo de xente moza, continúan a definir e empobrecer o mercado laboral galego, tal e como coinciden en sinalar os secretarios xerais das tres principais organizacións sindicais de Galicia. Entre a CIG (máis de 65.000), UGT-Galicia (máis de 63.000) e CCOO-Galicia (arredor de 45.000) xuntan perto de 175.000 afiliados no país. Aínda poucos, segundo coinciden en sinalar Xesús Seixo, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, líderes das centrais, neste Día Internacional dos Traballadores. Nesta entrevista, os tres responden ás mesmas preguntas, nas que se intentan debullar os principais problemas laborais e de política económica en Galicia, así como o futuro do movemento sindical. 

Cales son os problemas claves no mundo laboral en Galicia?

Xesús Seixo (CIG): Un dos problemas clave do mundo laboral en Galiza é a perda de dereitos laborais e sociais que se deu nos últimos anos como consecuencia das contrarreformas laborais sucesivas que fixeron os gobernos españois e que tiveron como consecuencia unha enorme precarización do mercado laboral e unha caída moi importante dos salarios e das garantías contractuais. Outro dos problemas clave é a falta de emprego e as consecuencias que diso derivan e que provocaron uns altos índices de emigración da xente moza.

"A perda de dereitos laborais, a precarización, a falta de emprego e a emigración da xente moza son os problemas claves do mundo laboral en Galiza", di Seixo (CIG)

José Antonio Gómez (UGT): O problema máis preocupante é o desemprego. Galicia está entre as comunidades autónomas que máis emprego perde de 2007 a 2016 e moitas familias galegas están nunha situación límite por culpa do desemprego de longa duración, que chega case ao 60% dos desempregados galegos. As mulleres seguen levando a peor parte e os mozos seguen véndose obrigados a abandonar Galicia en procura dun futuro mellor ante a falta de expectativas. Os mecanismos articulados desde a Xunta para frear os problemas asociados ao desemprego e a precariedade laboral non funcionan. A Administración autonómica ten que romper o círculo vicioso do mercado laboral galego. A pesar de que o crecemento económico en Galicia é evidente, esta melloría non vén da man dunha mellora na cantidade nin na calidade do emprego.

"A Xunta ten que romper co círculo vicioso do mercado laboral galego", di Gómez (UGT)

Xosé Manuel Sánchez Aguión (CCOO): O principal problema é a falta de emprego, derivada da ausencia de políticas económicas que favorezan a súa creación, así como a crecente precarización, que fai que traballar non implique saír da pobreza. Tampouco podemos esquecer a falta de políticas de apoio aos nosos sectores produtivos e o recorte na protección social.

Que beneficios está a ter esta chamada recuperación económica na clase traballadora?

CIG: A clase traballadora non está percibindo a recuperación económica. Séguese a destruír emprego de carácter fixo e o que se está a crear é de carácter temporal, a tempo parcial, por horas. Non se está a ver unha recuperación de poder adquisitivo dos salarios e, de feito, o peso dos salarios no PIB non se está a recuperar. Polo tanto a recuperación económica, unha vez máis, vai parar aos beneficios das empresas e do capital, pero non está contribuíndo a mellorar a calidade de vida nin as condicións de traballo da grande maioría da clase traballadora.

"A clase traballadora non percibe  recuperación económica, que vai parar aos beneficios das empresas e do capital", engade a CIG

UGT: A pretendida recuperación só se está a dar en termos macroeconómicos que non están chegando aos traballadores. É preciso que as rendas salariais crezan en termos reais, recuperando o poder adquisitivo perdido desde 2009 e mellorando a súa capacidade de compra. O noso país non pode seguir baseando o seu crecemento na continua rebaixa de custos laborais. Debemos impulsar outro modelo de crecemento, máis produtivo, eficiente e sustentable, que permita que as empresas sexan máis competitivas xerando á vez máis riqueza, e que a repartición dos froitos dese crecemento sexan máis xustos e equilibrados. Por iso é imprescindible que os salarios crezan e gañen poder de compra.

"O indicador máis claro de que non hai recuperación para os traballadores é que o peso das rendas do traballo non medra", di Sánchez Aguión (CCOO)

CCOO: É un feito innegable que hai recuperación da actividade económica, e que esta se traduce en creación de emprego. Outra cousa é o tipo de emprego que se crea: temporal, parcial e con salarios -en moitos casos- indecentes. O indicador máis claro de que non hai recuperación para a clase traballadora é que o peso das rendas do traballo na riqueza non medra, senón todo o contrario.

Unha manifestación da CIG en Vigo / CIG

É fundamental a derrogación da reforma laboral?

CIG: Si, é fundamental, sobre todo en materia de contratación e de flexibilización de xornada. Hai que ir a un tipo de contratación moito máis estábel e a xornada completa, non a que se está implantando. Pero é fundamental tamén derrogar a reforma da negociación colectiva, porque é un instrumento esencial para a clase traballadora mellorar as súas condicións salariais. Na reforma o que se fixo foi debilitala o máis posíbel o que está contribuíndo a esa perda de condicións e de calidade de vida da clase traballadora. Sabemos que é un aspecto clave no que a patronal ten moito interese e ten presionado de forma moi significativa aos gobernos españois, tanto do PSOE como do PP, para que a promoveran porque saben que así debilitan a clase traballadora e quítanlle moita capacidade reivindicativa.

UGT: A desvalorización das condicións de traballo impostas polo Goberno, a través das sucesivas reformas laborais como receita para saír da crise, están a ter unhas consecuencias nefastas en termos de dereitos laborais, de saúde laboral e de condicións de traballo. Polo tanto, cremos que é necesario derrogar as últimas reformas laborais, que instauraron a precariedade como norma de contratación. A prioridade debe ser crear emprego indefinido, estable e con dereitos

CCOO: Cómpre derrogar as dúas reformas laborais e toda a normativa que as desenvolve. Tamén, devolver o papel que lle corresponde á negociación colectiva, recuperar salarios e modificar a contratación a tempo parcial, o contrato de emprendedores ou os contratos formativos.

"A Xunta limitouse a facer seguidismo das políticas neoliberais promovidas polos gobernos españois e a Unión Europea", di a CIG

Cales son as principais eivas da política levada a cabo pola Xunta en materia económica?

CIG: A principal eiva é que se limitou a facer seguidismo das políticas neoliberais promovidas polos gobernos españois e pola propia UE, facendo mesmo en moitos casos desleixo da defensa dos sectores produtivos de Galiza. Outra das eivas importantes é insistir en negar a realidade sociolaboral e económica. A Xunta está empeñada en que aquí todo funciona moi ben e nega todo o que se di respecto da falta de postos de traballo e da emigración da mocidade, pretendendo que pareza que é unha invención das forzas sociais e políticas da oposición. Iso en si mesmo supón unha auténtica irresponsabilidade por parte da Xunta con consecuencias moi dramáticas para a nosa sociedade, porque é evidente que se non se recoñecen nin aceptan as realidades existentes tampouco se ofrecen alternativas e é de feito o que está a pasar. A Xunta ten unha total e absoluta pasividade. O sector industrial galego está perdendo peso moi importante no PIB; estase producindo unha caída moi importante da poboación activa que afecta fundamentalmente aos menores de 35 anos e, fronte a iso, desde a Xunta non se ofrece alternativa ningunha persistindo no seu seguidismo das políticas do goberno español ou da UE. Non actúan como goberno galego responsábel que ten que ofrecer alternativas á nosa sociedade, senón en función dos intereses do PP, por unha banda e dos intereses económicos da oligarquía española, pola outra.

"O austericidio 'feijooniano' é unha das principais eivas da política da Xunta en materia económica", asegura Sánchez Aguión

UGT: As que teñen que ver coa xeración de postos de traballo e coa calidade do emprego. O Goberno galego ten que asumir unha serie de eixos de actuación urxentes que pasan por un plan de impulso da actividade económica, cambiando austeridade por crecemento; un plan de emprego vinculado tanto ao crecemento como a cobertura de necesidades sociais; un plan industrial de carácter estratéxico e de catro anos; un plan estratéxico de infraestruturas; un plan de ingresos públicos que recupere unha parte do perdido dende o 2009; un plan de incremento do gasto social para rexenerar os recursos destinados a sanidade, educación, a protección das persoas dependentes, a protección social e as políticas de igualdade e todo o que conforma o denominado Estado de benestar.

CCOO: As principais eivas son ausencia de políticas que aposten pola recuperación económica e o emprego de calidade, a renuncia a que o investimento público exerza un papel de motor da actividade e o austericidio feijooniano.

Unha mobilización de CC.OO e UGT

Notan un descenso na mobilización social? De ser así, por que cren que ocorre?

CIG: Si, o descenso estase dando, non tanto nos conflitos puntuais nas empresas, nas que se segue mantendo certo nivel de conflitividade e de mobilización. O que está sendo complicado é aglutinar eses conflitos e darlle unha perspectiva máis global facendo ver que toda esa conflitividade laboral responde ás mesmas políticas e ao mesmo modelo económico e laboral que promove o PP e que o capital ten deseñado para Galiza. Coido que ten moito que ver con toda a precarización que se deu no mercado laboral, toda a perda de dereitos, de emprego, a falta de perspectivas de mellora en todos estes aspectos. O feito de que se vaia consolidando esa precarización e esa falta de dereitos ten xerado, por unha banda, certo nivel de frustración e, pola outra, moito temor á hora de mobilizarse, por medo a perder o posto de traballo. Iso é unha realidade que temos e que, como central sindical, estamos intentando superar pola vía de manter moito contacto cos centros de traballo e moitas reunións cos nosos delegados e delegadas sindicais, facéndolles ver que a única maneira de mudar as cousas e de presionar o goberno e o Parlamento españois para que se lexisle a favor da clase traballadora é a través da mobilización e da presión social. O que se ten demostrado tamén a estas alturas é que as forzas políticas españolas da teórica esquerda moito prometeron durante a campaña electoral, pero agora manteñen unha actitude de total pasividade á hora de promover proxectos de lei que vaian no camiño de recuperar dereitos perdidos e de tirar abaixo todo o retroceso que houbo en materia laboral nos últimos anos.

Seixo: "As forzas políticas españolas da teórica esquerda moito prometeron durante a campaña, pero manteñen unha actitude de total pasividade"

UGT: Non. Dende o inicio da crise e o inicio de políticas de recortes no eido económico, social e laboral, a mobilización social é continua. Pode que non sexan grandes mobilizacións nas que conflúen moitos sectores, pero son moitísimas mobilizacións de sectores sociais que xorden en defensa dos seus postos de traballo, das condicións de traballo e de seguridade nas empresas, dos dereitos de negociación colectiva, dos servizos públicos ou polas liberdades fundamentais.

UGT e CCOO coinciden en que non houbo un descenso na mobilización, contra a opinión da CIG, que ve certa "frustración"

CCOO: Cada día hai moitas mobilizacións en centros de traballo; as folgas medraron nos últimos anos e a resposta cidadá aos recortes de dereitos e liberdades foi constante. Non pensamos que retroceda a mobilización, senón que hai outras fórmulas de protesta. Con todo, é certo que tanto a situación económica e laboral, como o novo marco represor das mobilizacións -nomeadamente a Lei mordaza- pode influír nalgúns segmentos da sociedade.

"Mentres a política de CCOO e UGT siga a ser a de colaboración co poder político e económico, as posibilidades de acordo son poucas", di a CIG

O 1º de Maio adoita celebrarse por separado por parte dos sindicatos. Ven, no contexto galego, unha maior posible colaboración?

CIG: Desgrazadamente non. CCOO e UGT fan claramente seguidismo das políticas das súas organizacións sindicais estatais, que consideramos que son totalmente contrarias aos intereses das clase traballadora e que van na dirección contraria ao que había que facer nestes momentos. Parécenos que, con todo o que pasou aquí, coa propia situación nova que se dá no Parlamento español, no que o PP perdeu a maioría absoluta, seguir mantendo esta política de pasividade, de desmobilización, de intentar buscar acordos co PP e coa patronal, acordos que no principal non van precisamente no camiño de derrogar todas as reformas laborais que se fixeron nos últimos anos, é seguir insistindo e pondo como liña de carácter estratéxico a política de Pacto Social. Unha política que a experiencia ten demostrado que é absolutamente equivocada; que para o único que serviu foi para que a clase traballadora perdera dereitos e se desmobilizase; que levou a certo nivel de frustración e levou a unha falta de conciencia da súa capacidade para mudar as cousas. Nese sentido, entendemos que mentres a política de CCOO e UGT siga a ser esa, de colaboración co poder político e económico, desde logo posibilidades de acordo hai moi poucas, máis alá dos acordos puntuais que poida haber nos centros de  traballo, ante unha situación conflitiva ou nun convenio colectivo. Pero mesmo nese ámbito tamén con moitísimas limitacións.

UGT: Dende hai moitos anos, UGT e CCOO vimos mantendo unha unidade de acción que se manifestou como moi beneficiosa para o conxunto dos traballadores. Aínda que con outros sindicatos esta unidade de acción non foi posible ou só foi puntual, si mantemos coincidencias na defensa dos intereses dos traballadores, malia que non vaiamos xuntos detrás da mesma pancarta.

"A nosa obriga é procurar canles de entendemento entre as organizacións sindicais; temos un obxectivo común", di Sánchez Aguión (CCOO)

CCOO: Somos organizacións sindicais que temos un obxectivo común: a mellora das condicións de vida e traballo dos galegos e das galegas. Temos en fronte un Goberno cuxas políticas rexeitamos e unha patronal coa que disputamos a riqueza xerada nas empresas. Polo tanto, é a nosa obriga procurar canles de entendemento.

Unha protesta sindical na defensa dos servizos públicos

Cren necesaria unha maior afiliación sindical? Está a afiliación a niveis demasiados baixos para o que lles gustaría?

CIG: A nós gustaríanos que o 100% da clase traballadora estivera afiliada. Sería altamente positivo. A mellor defensa que ten a clase traballadora fronte todas estas políticas de recorte de dereitos, de precarización das condicións laborais e ante a imposición deste modelo de relacións laborais claramente contrario a un que garanta dereitos e calidade de vida, a mellor defensa é a organización e, por tanto, a afiliación ás organizacións sindicais. A grande oposición ás políticas neoliberais tería que vir das organizacións sindicais. Por iso para o neoliberalismo as organizacións sindicais somos o inimigo a bater e por iso teñen tanto interese en debilitarnos. Mesmo as políticas laborais de flexibilización e individualización das relacións laborais van no camiño de intentar que a clase  traballadora non sexa solidaria, non se organice e, polo tanto, sexa moito máis vulnerable ante estas políticas tan antiobreiras e tan antisociais. Polo tanto para nós, insisto, a organización e a afiliación son básicas e é o único mecanismo que temos a clase traballadora para saír vitoriosos desta loita contra estas políticas de recorte de dereitos e de precarización das nosas condicións de vida e de traballo.

"É moi necesario explicarlle á xente que non vivimos das subvencións nin dos Orzamentos Xerais do Estado", advirte UGT

UGT: Si, é precisa. O sindicalismo é un elemento vertebrador do Estado, pero o sindicato gasta os seus recursos en defender todos os traballadores, non só os seus afiliados. É moi necesario explicarlle á xente que non vivimos das subvencións nin dos Orzamentos Xerais do Estado, a meirande parte dos nosos recursos veñen das cotas das persoas afiliadas. Neste sentido, o sindicato considera inxusto que unha actividade que beneficia ao conxunto dos traballadores sexa custeada só por unha parte, os afiliados das organizacións sindicais, Non queremos subvencións. Queremos que se nos compense polo que facemos e polo que investimos en defender o interese común.​

CCOO: A nosa forza é a colectividade: os traballadores e as traballadoras, de maneira individual, non gañaremos a batalla ao capital. Por esta razón, cantas máis persoas sexamos, maior capacidade de reivindicación e negociación teremos. CCOO supera en Galicia as 45.000 persoas afiliadas e, a día de hoxe, comezámonos a recuperar do forte retroceso xerado pola crise. O noso obxectivo para os próximos anos é incrementar a afiliación, mesmo superar os niveis anteriores á crise, porque aí radica a nosa forza.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.