Visto e prace do Estado á empresa galega que construirá a central reversible en Meirama

Lago en Meirama, nas antigas instalacións da central térmica CC-BY-SA MITECO

Coventina Renovables vén de ser elixida como adxudicataria definitiva do concurso de transición xusta de Meirama, dos 408 MW de capacidade de acceso á rede eléctrica para o proxecto de central hidroeléctrica reversible nos antigos terreos da central térmica. Unha iniciativa vinculada a un investimento superior a 400 millóns de euros e á creación de máis de 1.000 empregos durante unha década, segundo informou a Delegación do Goberno de España. 

Coventina Renovables foi elixida como adxudicataria do concurso de transición xusta de Meirama e obtén a conexión dos 408 MW de capacidade de acceso á rede eléctrica

A directora do Instituto para a Transición Xusta (ITJ), Judit Carreras, acompañada polo delegado do Goberno central en Galicia, Pedro Blanco, anunciou unha adxudicación que seguiu un procedemento de concorrencia competitiva e priorizando, segundo explicaron, aqueles proxectos que "minimizando a afección ambiental, maximicen os beneficios socioeconómicos locais para a zona de transición xusta de Meirama, afectada polo peche da central térmica, composta polos municipios de Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia". 

Presentación da adxudicación do concrudo do nó de Meirama CC-BY-SA Delegación do Goberno de España en Galicia

Unha central hidroeléctrica reversible ou de bombeo diferénciase dunha hidroeléctrica tradicional pola súa capacidade para almacenar enerxía, ademais de para xerala. Conta con dous encoros a diferentes alturas —neste caso sería un no lago das Encrobas e outro no Monte Xalo— e produce electricidade ao mover a turbina cando a auga cae do encoro superior ao inferior. Ademais, en momentos de baixa demanda pola alta produción renovable, emprégase o exceso de enerxía da rede para bombear auga desde abaixo cara arriba, logrando así almacenar ese exceso de enerxía solar ou eólica, enerxía potencial que logo se converte en electricidade nun proceso cíclico. 

As obras da central hidroeléctrica reversible, entre As Encrobas e o Monte Xalo, comezarán en 2028 e durarán uns seis anos

A infraestrutura (cuxa construción foi declarado proxecto industrial estratéxico pola Xunta) situarase nos terreos afectados polo peche da antiga central térmica de Meirama e pretende unha iniciativa de enerxía renovable e almacenamento estratéxico de electricidade alí onde antes se producía a través da queima de carbón. 

O prazo de construción é de case seis anos e as obras comezarían a finais de 2028 para unha central de bombeo que podería almacenar 3,4 xigavatios/hora de enerxía, segundo a concesión obtida pola empresa galega, filial do grupo empresarial formado por Tasga e Valtalia

Segundo a información detallada, con este proxecto Coventina Renovables creará arredor de 180 empregos mediante a operación e mantemento da central hidroeléctrica reversible, o impulso a proxectos empresariais e actuacións de conservación e mellora ambiental na contorna do lago das Encrobas. Todo co "compromiso de crear e manter" algo máis de un milleiro de empregos a tempo completo ao longo de, polo menos, unha década. 

O proxecto prevé instalar dous megavatios de autoconsumo fotovoltaico para vivendas e edificios municipais

A empresa, segundo informa o Goberno de España, comprométese a investir máis de 400 millóns no desenvolvemento da central e "para actividades de conservación, restauración e promoción da biodiversidade e os ecosistemas". Tamén impartirá programas de formación profesional para 450 residentes da zona, con 67.500 horas de formación, ademais de instalar 2MW de autoconsumo fotovoltaico para vivendas e edificios municipais. 

O lago de Meirama, na antiga mina, coa central térmica e Sogama © Google

A empresa adxudicataria depositou unha garantía de case 53 millóns para asegurar o cumprimento destes compromisos socioeconómicos e ambientais. 

O proxecto deberá obter as correspondentes autorizacións ambientais e administrativas e foi un dos propostos como beneficiario de 30 millóns da lña de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para proxectos innovadores de almacenamento enerxético mediante bombeo reversible, xestionadas polo IDAE. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.