Como adoita acontecer cada mes de xaneiro e co final da campaña de Nadal, Galicia perde emprego e suma máis persoas paradas. O remate do ano deixa case 12.500 traballadores e traballadoras menos no mercado laboral e inscribe na lista do paro rexistrado preto de 2.500 máis.
Xaneiro deixa uns 12.500 empregos menos e case 2.500 persoas paradas máis en Galicia
Segundo os datos feitos públicos este martes polo Ministerio de Traballo, Galicia rematou o mes de xaneiro cun total de 121.320 persoas inscritas nas listas de demandantes de emprego, 2.482 máis que en decembro, o que supón un incremento de algo máis do 2%, medio punto superior ao que se deu no conxunto do Estado. É o dato máis baixo para un mes de xaneiro desde 1996.
Con todo, Galicia contaba neste primeiro mes de 2025 con practicamente 10.000 persoas paradas menos que hai un ano (-9.781), un descenso de case o 7,5%, punto e medio maior ao rexistrado en España.
O paro rexistrado subiu en todas as provincias galegas, pero por sectores o incremento débese case todo en exclusiva ao dos servizos, que sumou 2.435 parados máis mentres na construción, na industria e sector primario mantense case inalterable, con pequenas mudanzas en positivo ou negativo.
Ademais, case un 60% das persoas desempregadas en Galicia no mes de xaneiro era muller, mentres que un 4,1% eran menores de 25 anos. O paro, con todo, subiu lixeiramente tanto entre homes como entre mulleres, mentres que en termos anuais baixou máis dun 7% en ambos casos.
As cifras no mes de xaneiro manteñen a tendencia de todos os principios de ano aínda que empeoran un chisco as de hai doce meses, cun incremento de practicamente un milleiro máis de persoas paradas e de empregos perdidos.
Galicia ten 12.843 persoas afiliadas menos que o mes pasado pero 16.559 máis que hai un ano
Así, o número de afiliacións medias á Seguridade Social en Galicia no pasado mes de xaneiro queda en 1.067.089, que son 12.843 menos que o mes pasado, pero 16.559 máis que hai un ano. A cifra total, malia a baixada, supón o mellor xaneiro en canto a número de traballadoras e traballadores en Galicia desde o anterior á quebra de Lehman Brothers e ao inicio da gran crise de 2008, hai 17 anos.
Por outra banda, o número de contratos asinados en xaneiro baixou en algo máis de mil, quedando en 51.072, unha cifra que supón 1.731 que no mesmo mes do pasado ano. Do total de contratacións realizadas, máis dun terzo (35%) foron indefinidas. A proporción é semellante á producida desde a aplicación da reforma laboral, mentres que antes desta nova normativa roldaba o 10%.
Ademais, a contratación indefinida aumentou un 26,5 % en xaneiro, ao tempo que a temporal diminuíu un 12,6 %.
Por sectores, as porcentaxes de contratación indefinida destacan na construción, onde chegan ao 73%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 33,2%; na industria, do 22,3%; e no sector primario, do 49,1%.