Nove dos trinta autores nominados ao Gran Premio do Festival de Cómic de Angoulême retíranse despois de ver que entre os finalistas non había ningunha muller. O colectivo de creadoras de cómic contra o sexismo lanzara previamente un chamamento a boicotear o premio. A ministra de Cultura de Francia criticou tamén o Festival.
Fálase
EconomíaDigital analiza as numerosas vitorias xudiciais acumuladas por varias empresas -como Iberdrola, Norvento e EDP- ante a Xunta en relación co sector eólico. As compañías buscan tumbar o canon eólico e o imposto de transmisións patrimoniais que grava os parques.
LaMarea analiza as reaccións da prensa de dereitas ante a Cabalgata de Reis organizada polo Goberno municipal de Madrid, informacións e artigos que para o xornal revelan posicións machistas e racistas. A xornada no twitter estivo dominada polo hashtag #NoTeLoPerdonareJamasCarmena, dedicado a facer burla das críticas conservadoras ao desfile.
Os dous candidatos a presidir a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Pérez Canal e Antonio Dieter, acúsanse de incorrer en "conflito de intereses". Pérez Canal advirte de que o centro de ensino que dirixe Dieter imparte cursos de formación para diversas entidades empresariais. E Dieter alerta dos problemas que se poden derivar de que Pérez Canal dirixa ao mesmo tempo a CEG e a confederación de empresarios de Ourense.
Feiraco advirte de que "a única solución" para os produtores de leite "é reducir custes". A cooperativa porá en marcha este ano un proxecto para reducir o custe de produción do leite ata un máximo de 0,30 euros por litro
Twitter traballa na posibilidade de poder compartir mensaxes de ata 10.000 caracteres na rede social. Recólleo eldiario.es
Fomento licita un treito da autovía coa que prevé atravesar a Ribeira Sacra malia pór en risco a súa declaración como Patrimonio da Humanidade e á oposición veciñal. O PP galego, pola súa banda, defende que o vial "non toca a Ribeira Sacra".
PSOE e Podemos prevén iniciativas contra a LOMCE ou a reforma laboral no Congreso mesmo antes da formación do novo Goberno de España. Cóntao eldiario.es
Aumentan as vendas de vacinas contra a meninxite a poboación galega en Portugal e o Sergas pide calma. Recólleo Faro de Vigo
O número de demandantes activos de emprego caeu en España en decembro en 55.790 persoas, pero creceu en Galicia en 3.650, a comunidade autónoma cun maior incremento. Ademais, no derradeiro mes de 2015 o número de afiliados e afiliadas á Seguridade Social creceu no conxunto do Estado en 85.314 persoas, descendendo pola contra en 3.008 en Galicia, de novo o territorio no que máis emprego se perdeu. No conxunto do ano creáronse en Galicia 19.641 postos de traballo, un punto por debaixo da media española.