O Congreso aproba, con 299 votos a favor, 19 votos en contra e 23 abstencións, a lei de abdicación. En canto aos deputados socialistas que pediran liberdade de voto, Odón Elorza abstívose e Guillem García ausentouse do hemiciclo. Eduardo Madina votou si.
Fálase
Ada Colau promove unha candidatura para a alcaldía de Barcelona, baixo a denominación de Guanyem Barcelona (Gañemos Barcelona). Espera contar co apoio de Podemos, ICV, EUiA, Procés Constituent e CUP, ademais de numerosos movementos sociais.
Olaia Fernández Davila anuncia que o BNG non participará nun proceso "que está atado e ben atado" tras a abdicación "dun rei nomeado por Franco" e destaca que a formación "aspira a articular unha república propia cun novo proceso constituínte".
O portavoz de Amaiur, Sabino Cuadra, lembrou na súa intervención que o rei xurou lealdade "aos principios do Movimiento". Cuadra despediuse amosando unha ikurriña e ao berro de "¡Monarquía kanpora, Gora Euskal Herria!". Por ERC, Alfred Bosch equiparou a demanda dun referendo sobre o modelo de Estado á consulta de autodeterminación en Catalunya, e animou o republicanismo español a unha mutua comprensión "en fraternidade".
Irmandade TV fai hoxe un ano de emisións televisivas en galego.
Pola Esquerda Plural, Cayo Lara afirma que "si se pode, pero non se quere" someter a referendo a sucesión do rei. Tamén puxo en dúbida a "estabilidade" argumentada por PP e PSOE: "Estabilidade para quen? O pobo español xa está en situación de inestabilidade". Os e as deputadas do grupo de esquerdas amosaron cartaces demandando unha consulta popular.
Duran i Lleida confirma a abstención de CiU na votación, facendo "un balance positivo en termos xerais do reinado de Juan Carlos I", pero sinalando que, se ben en 1978 e durante décadas, Catalunya se sentiu integrada no Estado español, xa non o fai na actualidade. Critica a exclusión de Catalunya e do nacionalismo catalán dos consensos constitucionais.
Alfredo Pérez Rubalcaba defende o si do PSOE á lei de abdicación e afirma que "a sucesión do rei xa a votamos en 1978". Rubalcaba, ao igual que anteriormente Mariano Rajoy na súa intervención, destacou a contribución da Monarquía na "estabilidade" vivida nas últimas décadas.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, ve a dimisión dun imputado como "a mellor solución" para Santiago, pero non para A Coruña, onde Julio Flores, numero dous do Concello, tamén está imputado na mesma causa.
O Concello de Amoeiro instalou as dúas primeiras placas de Memoria Histórica en dúas fontes con símbolos franquistas, das trece que colocará en todo o territorio municipal.