A Xunta vén de anunciar a visita do ministro de Industria, José Manuel Soria, á factoría de Alcoa en San Cibrao. Achegarase mañá pola mañá, apenas tres días antes de que expire o prazo para coñecer se a compañía consegue unha tarifa eléctrica para grandes consumidores que faga viable a súa continuidade no país.
Fálase
A Xunta infrinxiu a Lei Electoral por sexta vez dende a convocatorias das eleccións, desta volta celebrando un acto para amosar a incorporación de novos axentes á Policía Autonómica, que incluíu unha foto de familia con Feijóo na Praza do Obradoiro. A denuncia interpúxoa o PSdeG e obriga o Goberno galego a retirar da súa web as referencias ao acto.
Europa esixe a España a reforma do sistema de pensións. O comisario Rehn, de visita en España, asegura que Bruxelas está preparada para recibir unha petición de rescate. Cóntao El Diario.
A Comisión Europea culpa a banca e non o Goberno da posible desviación do déficit. Terá en conta, se o déficit supera o pactado coa UE, que non é pola política económica do Exectivo, senón polas perdas xeradas polas axudas ás entidades financeiras.
Peche dos traballadores en folga de CCOO. Os afectados polo ERE en Forem encérranse no sindicato até que reciban resposta á súa proposta de mediación.
O museo Tesla será unha realidade. O proxecto conta con 2.2 millóns de dólares, 1.3 obtidos a través dunha campaña de crowdfunding
O CD fai 30 anos hoxe. O 1 de outubro de 1982 chegaba ás tendas de Xapón cun prezo de 730 dólares.
O xulgado de Madrid devolve á Audiencia Nacional o proceso contra os 34 detenidos do 25-S. El Diario publica o auto xudicial.
O ex ministro do Interior Jaime Mayor Oreja pide censurar as protestas cidadás en televisión. Cre que é "un disparate" difundilas porque "incitan a manifestarse". En El Diario.
Vén de falecer Eric Hobsbawm aos 95 anos de idade. O historiador marxista é un dos grandes relatores da historia europea do século XX.