Á espera do partido que o Celta está a piques de xogar ante o Vilareal, mala xornada para os equipos galegos. Derrotas de Deportivo (4-0 ante o Barça) e Lugo (0-1 ante o Getafe) e na Segunda B vitorias de Celta B e Pontevedra, derrotas de Coruxo e Somozas e empates de Boiro e Racing de Ferrol
Fálase
As pensións subirán en 2017 só o mínimo establecido pola lei (o 0,25%) por cuarto ano consecutivo. Economistas consultados por InfoLibre cren que o vindeiro goberno axustará os 5.000 millóns de euros esixidos por Bruxelas a través dun aumento impositivo e a conxelación das prestacións.
Dieter Moure, entrevistado por RNE, afirma que "o presidente da CEG é un reo dos presidentes provinciais". O ex presidente dos empresarios galegos, dimitido a pasada semana, detalla a gravidade da situación económica que vive a entidade.
El Diario analiza quen é quen no novo reparto de forzas do PSOE, destacando que os baróns que impulsaron o derrocamento de Pedro Sánchez non teñen unha postura común sobre a abstención para que goberne Rajoy
Este domingo comezou en Galicia a tempada de caza, que chegará ata o 6 de xaneiro. Unha nova morte relacionada con esta actividade, a pasada semana, reabriu o debate sobre a participación de menores de idade.
Marea Atlántica critica que o PSdeG-PSOE pida entrar no Goberno local "a base de insultos e descalificacións" e "sen propostas políticas" e insiste en consensuar os orzamentos antes de falar dunha posible coalición.
Nun editorial El País volve recomendarlle ao PSOE que se absteña para evitar unhas novas eleccións, facilitando un Goberno de Rajoy. O editorial xustifica esta opción na enquisa publicada este sábado pola noite no xornal, que augura un forte descenso dos socialistas nuns hipotéticos terceiros comicios e unha cómoda maioría de PP e Ciudadanos.
Miquel Iceta gaña as primarias do PSC, superando por 54% contra 46% a Núria Parlon, e seguirá liderando a formación catalá. Os dous candidatos apostaban por votar non á investidura de Rajoy, mesmo se o PSOE opta pola abstención.
Ás 19 horas comezan en Vigo, A Coruña, Ferrol e Ourense mobilizacións contra o CETA e o TTIP. Ás 20 horas farao en Lugo. Hoxe ao mediodía Pontevedra xa acolleu unha concentración contra os tratados de comercio con Canadá e os EE.UU.
Ana Pontón afirma que o BNG “vai traballar desde o Parlamento e desde a rúa” para “liderar a alternativa ao PP en 4 anos”. O Bloque presentou o seu grupo parlamentario ante medio milleiro de simpatizantes en Compostela.