A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) organiza este venres e sábado na Coruña e Vigo un programa de actividades con motivo do Día da Ilustración, o 30 de xaneiro, data instituída o pasado ano en coincidencia co aniversario do nacemento de Castelao.
Fálase
Cultura Galega dedícalle unha reportaxe a Arquitecturadegalicia.eu, un catálogo colectivo de construcións singulares contemporáneas do noso país, elaborado por un grupo de antigos alumnos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña
Tensión no Grove. A policía tivo que escoltar tres edís do goberno municipal ante as protestas dun grupo de veciños e veciñas tras o remate do pleno celebrado onte, no que se debateu o novo PXOM, moi criticado por unha parte dos habitantes.
Podemos e Ganemos Madrid pechan un acordo para concorrer xuntos ás eleccións municipais. Lanzarán un chamamento conxunto para a conformación dunha "candidatura cidadá de unidade popular"
Pachi Vázquez acusa o Concello do Carballiño de falsear datos para levalo a xuízo. Recólleo Faro de Vigo
Os vídeos do arresto dun membro de Stop Desafiuzamentos no barrio compostelán de Aríns desmenten a Policía. O activista denunciou os axentes por falsidade documental. Cóntao El País
O Cineclube de Compostela proxecta esta noite Ciutat Morta, nunha sesión que contará coa presenza de Xavier Artigas, un dos seus directores. O filme proxectarase este xoves no CSOA Escárnio e Maldizer, tamén en Santiago.
Genbeta relata a historia de Anita Sarkeesian, unha blogueira norteamericana que leva anos recibindo insultos e acoso virtual tras lanzar unha webserie que analizaba e criticaba o papel da muller no mundo dos videoxogos. Na actualidade prepara dúas novas webseries centradas no mesmo tema.
Dous dos galegos con tarxetas black de Caja Madrid, entre os 78 imputados polo xuíz Andreu polo uso destes cartóns de crédito opacos. Está a contalo El Diario
A produción editorial galega creceu o pasado ano, segundo os datos do ISBN, pasando de 2.083 títulos a 2.274, en contraste cun descenso no conxunto de España. Creceu, sobre todo, o número de libros publicados en Galicia en formato dixital, dende as 208 obras ás 483