España é un dos países que "facilitou" as torturas da CIA, segundo o informe do Senado estadounidense que está a debullar The Guardian
Fálase
O informe do Senado dos Estados Unidos sobre as torturas da CIA na etapa de Bush constata que o servizo de intelixencia norteamericano torturou numerosos prisioneiros con prácticas "brutais" e, ademais, "ineficaces" para a loita contra o terrorismo que supostamente as xustificaba.
O Consello de Informativos de TVE pide a dimisión do director do Canal 24 horas por "comprometer a credibilidade e independencia" da canle coa súa entrevista a Pablo Iglesias, na que considerou que o líder de Podemos está "de noraboa" pola saída do cárcere de membros de ETA.
O CGPJ acorda sacar a concurso a praza de Ruz co aval dunha das vogais do PSOE.
O fiscal exculpa a infanta Cristina e solicita 19 anos e medio de cadea para Urdangarin, ao que acusa de corrupción, fraude fiscal e branqueamento e ao que pide unha multa de 3,5 millóns.
Interior cesa os coordinadores de seguridade de Deportivo e Atlético tras o asasinato do ultra branquiazul. O Goberno insiste en que faltou información e que por iso non se declarou o partido de alto risco. Máis información, hoxen en Praza.
O persoal sanitario de Vigo está convocado a paros de catro horas entre hoxe e o xoves para denunciar a situación da sanidade na cidade e comarca e os "plans privatizadores do PP". O xoves 11 ás 20 horas unha manifestación percorrerá as rúas baixo o lema "Hospital de Vigo 100 x 100 público. Privatización=Corrupción".
O Ministerio de Facenda publica un informe sobre os cartos que destinan os concellos a capítulos coma os servizos municipais básicos ou a protección social.
Este mércores entra en vigor a Lei de Transparencia. tuderechoasaber.es ofrece exemplos de que informacións se poderán solicitar e cales non ao abeiro dunha norma criticada polas súas limitacións. Poderase preguntar por todas as subvencións concedidas por un organismo público ou recibidas por unha entidade ou tamén pola identidade dos asesores dun Ministerio.
Senllos asasinatos machistas acaban coa vida de dúas mulleres en Valencia e Valladolid. As vítimas mortais da violencia de xénero son xa 48 en todo o Estado no que vai de 2014.