Xa están en marcha as manifestacións do 1º de Maio en todas as cidades galegas, acompañadas da chuvia na maior parte do país. Na imaxe, a marcha convocada por UGT e CCOO en Vigo.
Fálase
O Concello de Ferrol viviu este xoves un intenso derradeiro pleno da lexislatura, con numerosas críticas da oposición e a intervención dos traballadores do naval, que demandaron o apoio á manifestación convocada para o vindeiro 10 de maio e reclamaron a construción do dique de reparacións.
Medio cento de ultras irrompen no adestramento do Deportivo para falar cos xogadores, aos que dedicaron cánticos e criticaron durante toda a sesión. Lucas Pérez e Álex Bergantiños tentaron mediar con eles. O equipo coruñés xoga este sábado ante o Villarreal un partido clave na súa loita pola permanencia.
Juan Carlos Monedero explica as razóns da súa dimisión a través dun texto escrito no seu blog, "Para o meu amigo Pablo". "Deixei os cargos de dirección de Podemos cunha soa intención: empurrar con moita máis forza este proxecto", di.
O 30% dos gandeiros galegos xa venden o leite a 20 céntimos polas ameazas da industria, salienta La Opinión. Os contratos con prezos un 33% máis baixos que os custes de produción triplícanse nunha semana e os sindicatos denuncian pagos mesmo máis baixos
El Diario relata nunha reportaxe, "David contra Goliat: os avogados que vencen ás grandes empresas", a experiencia dos letrados laboralistas vinculados a sindicatos e que se enfrontan nos tribunais a grandes bufetes como Sagardoy, Garrigues ou Cuatrecasa
A Comisión de Festas do Barrio de San Pedro difunde polas redes sociais o vídeo Gandalf vs. Agustín Hernández, en denuncia dos obstáculos postos polo concello á organización da Feira da Primavera #BarrioConLuzPropia #QueremosFestas
Juan Carlos Monedero dimite dos seus cargos na dirección de Podemos, segundo vén de anunciar Pablo Iglesias. Está a contalo Eldiario.es
Compostela Aberta denuncia a Agustín Hernández ante a Xunta Electoral polo "uso propagandístico dos gabinetes de prensa e das plataformas dixitais do Concello". Na difusión realizada dunha xuntanza do alcalde coa veciñanza da rúa Carreira do Conde "non se sabe onde acaba o alcalde e onde comeza o candidato", din.
O BNG e Galiza Nova de Santiago inician unha acampada na parcela da avenida Xoán XXIII na que o Concello e a Xunta liquidaron un proxecto de vivenda protexida para a mocidade.