Pablo Casado defende o ultradereitista Viktor Orban, presidente de Hungría, polo seu apoio a España contra o procés soberanista catalán. A pasada semana o PP español abstívose na votación da Eurocámara para sancionar o goberno húngaro
Fálase
O Goberno central eliminará o imposto á xeración de electricidade para baixar o recibo da luz e anuncia a fin do chamado 'imposto ao sol'. A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, afirma ademais que se simplificarán os trámites para rebaixar a potencia contratada. Está a contalo eldiario.es
O PP reclama á Real Academia Galega e a Real Academia Española que “homoxeneicen criterios para o uso da toponimia oficial”. Os populares retrucan así a unha iniciativa presentada polo BNG no Parlamento pedindo á RAE que rectifique tras recomendar o uso do termo Sanjenjo.
"Para min, isto é o paraíso". The Guardian debulla nunha reportaxe os resultados da peonalización e o modelo urbano de Pontevedra, onde "a banda sonora habitual dunha cidade española foi remudada polo chiar dos paxaros e as conversas da veciñanza". A peza encádrase nun proxecto informativo no que o xornal británico analiza o futuro dos espazos urbanos por todo o mundo.
En marcha a comparecencia de José María Aznar na comisión do Congreso que investiga o financiamento irregular do PP. No inicio da sesión Aznar dixo descoñecer os líderes da trama Gürtel e advertiu de que non vai pedir "perdón por nada". Pódese seguir ao vivo nesta ligazón. O voceiro de ERC, Gabriel Rufián, acudiu á comisión cunha camisola que lembra o asasinato de José Couso.
Casado apela a que "as competencias en materia de educación estean centralizadas no Estado". Segundo o líder do PP, trataríase de "garantir que non haxa adoutrinamento".
A Conferencia de Reitores (CRUE) rexeita "que se utilice a Universidade como arma arreboladiza na contenda política, elevando a categoría xeral casos particulares absolutamente lamentables, condenables e que deben corrixirse con contundencia". A CRUE, na que participan as universidades galegas, vén de aprobar o comunicado, que pode consultarse integramente nesta ligazón.
UFD Grupo Naturgy será a nova marca comercial da antiga Unión Fenosa Distribución, principal comercializadora eléctrica de Galicia, filial da antiga Gas Natural Fenosa renomeada á súa vez como Naturgy.
Sánchez promove unha reforma da Constitución para limitar os aforamentos dos cargos políticos. O presidente do Goberno central anunciouno nun acto convocado para facer balance dos primeiros 100 días do seu mandato.
O alcalde da Coruña pide "perdón" polos "erros" no concurso municipal de adquisición de vivendas para alugueiro social despois do ditame do Consello Consultivo que obriga á anulación da compra de dous deses pisos. "Foi francamente mellorable na súa execución, cometéronse erros na valoración dos inmobles e o procedemento non reuniu as garantías suficientes", sinala Xulio Ferreiro nun texto feito público este luns.